
O Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche é un equipamento xestionado polo Concello de Santiago, de acordo cun convenio subscrito coa Deputación Provincial da Coruña e a Fundación Caixa Galicia. Alberga servizos municipais de Xuventude e de Centros Socioculturais, así como a Biblioteca Fundación Caixa Galicia. Tamén conta cun servizo de asistencia social para o Ensanche.
Acolle tamén a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) na que se desenvolven tarefas de orientación e información.
Ficha
inscrición nas actividades

Os grupos musicais da cidade dispoñen dun local con dúas salas independentes para ensaios, situadas nos baixos do fondo sur do estadio de San Lázaro, e habilitadas co material básico necesario para os ensaios.
Desde a súa posta en marcha e de acordo cos grupos que foron incorporándose a este equipamento, desenvolvemos un labor de promoción e difusión das súas actividades e a realización de concertos, ben organizados por este servizo municipal ou a través de colaboracións con outras institucións, colectivos, salas de concertos, empresas, entre outros axentes; sempre como accións que incidan no obxectivo proposto.
Así mesmo, editamos unha publicación que recolle un número importante dos grupos que ensaian nos Locais Municipais de Música para a Xuventude de Compostela, como un recurso importante para a promoción das bandas que alí teñen o seu punto de encontro e de práctica da música, dirixida e distribuída entre a prensa especializada, departamentos de cultura e de festas dos concellos de Galicia, produtores musicais, salas de música e promotores de concertos.
Ademais, nesta liña de apoio á creatividade musical creouse o Certame anual MÚSICAXOVE que, ademais de ter como destinatarios aos artistas emerxentes que manteñen a súa actividade en Santiago, ábrese ao intercambio e á ampliación do circuíto, dando cabida a todas aquelas bandas e solistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia.
http://sites.google.com/site/nsaiosantiago/
Un equipamento que permite a realización de distintas actividades de formación, a prestación de servizos que na medida das posibilidades favorecen os procesos de creación cultural, informacións de todo tipo, axenda de actividades mensual, promoción de intercambios con outras cidades; e un espazo estable que permita exposicións de todo tipo, traballo artístico e a súa capacidade de organización.
A dinamización que se pretende para este equipamento municipal é servir de trampolín dos artistas máis novos que por razóns diversas non contan con lugares estables onde desenvolver o proceso creativo.
Trátase pois de crear un soporte estable, con medios accesibles, xerado polo Concello de Santiago a través dos servizos municipais de Xuventude e de Educación, na perspectiva da racionalización dos recursos existentes na cidade, ben sexan os directamente municipais ou presentes no conxunto da cidade, dependentes doutras institucións e do sector privado.


