É unha tecnoloxía que permite transportar grandes cantidades de datos sen necesidade de cabos. En condicións ideais o wimax pode cubrir distancias próximas aos 80 quilómetros e ofrecer acceso a internet con prestacións semellantes ás das liñas adsl máis potentes.
Para garantir a máxima cobertura, a Concellaría da Rehabilitación e Cidade Histórica puxo en marcha un proxecto para instalar tres antenas wimax en lugares estratéxicos. Con elas cubrirase practicamente toda a cidade vella. A rede wimax principal complementarase coa colocación de 11 puntos wifi nas prazas do casco monumental para conexións ao aire libre.
Ver mapa de cobertura teórica
Tamén é un sistema de transmisión de datos vía radio. Funciona dun xeito semellante ao wimax, só que ten menor potencia e é máis sensible aos obstáculos. Porén é unha tecnoloxía de uso habitual para conectarse a internet sen fíos desde ordenadores portátiles, pda's e outros dispositivos móbiles.
O principal obxectivo do proxecto é levar internet á zona monumental e crear aplicacións novas baseadas nas posibilidades da tecnoloxía inarámica. Así, os usuarios wimax que se dean de alta poderán acceder á rede desde a casa cunha calidade óptima. Nos espazos públicos con cobertura wi-fi haberá acceso á rede e a información do lugar onde o usuario se atope en cada momento, como poden ser monumentos, restaurantes ou eventos que se vaian producir ou que estean programados na zona.
Estímase que a rede entrará en funcionamento a finais de 2008. Daquela levarase a cabo unha campaña na que se informará dos prezos e das condicións de conexión á rede wimax. En calquera caso, ao ser unha iniciativa municipal as tarifas serán moito máis axustadas que as ofertadas polas operadoras privadas. Nos espazos abertos o acceso mediante wifi será de balde, aínda que con limitacións na duración das sesións e nas páxinas que se poderán visitar.
O proxecto está concibido como unha proba piloto orientada á zona monumental, onde as operadoras privadas non ofrecen acceso a internet de banda larga. Porén, as infraestruturas que se instalen agora tamén servirán no futuro para levar a banda larga á zona rural.
Se tes un negocio dentro do casco histórico de Santiago, podes solicitar xa un dos 50 ruters wifi que o proxecto iCompostela - Futuro sen fíos pon á túa disposición en rexime de cesión. Consulta aquí as bases para facerte cun destes aparellos. No documento descargable tamén atoparás a folla de solicitude que deberás presentar debidamente cuberta no Rexistro Xeral do Concello. Anímate!, tes de prazo até o 12 de decembro.