Presentación
Que é un Orzamento Participativo?
Un Orzamento Participativo (OP) é un mecanismo gobernamental de democracia participativa que permite á veciñanza influenciar ou decidir sobre os orzamentos municipais a través de procesos da participación da comunidade.A decisión refírese habitualmente ao orzamento de investimentos, mais tamén se pode decidir sobre o gasto corrente ou mesmo sobre a política de ingresos.
Estes procesos acostuman contar con asembleas abertas, supervisión dos técnicos municipais e diálogo directo co goberno municipal. No Orzamento Participativo trasládase o poder de decisión dos órganos de goberno e das elites burocráticas cara á sociedade: agora é a veciñanza e a cidadanía quen decide.
A participación cidadá como garantía de eficacia
Falar de participación cidadá implica deseñar novos mecanismos de xestión municipal que faciliten a xeración dunha conciencia crítica e propositiva desde a cidadanía de cara a reordenación dos recursos e capacidades dispoñibles desde o Concello. A través desta práctica queremos fomentar a reflexión activa entre a poboación; partir dos problemas comúns para así identificar solucións compartidas, favorecendo a solidariedade e unha mellor transparencia e xestión municipal.O obxectivo que persegue a participación da cidadanía nos asuntos públicos é darlle contido e ampliar a democracia no que se coñece como democracia participativa. Nas sociedades complexas a participación persegue facer máis suxeitos sociais á cidadanía, dotándoa de maior capacidade para transformar o medio no que viven e tomar parte na xestión dos órganos políticos, económicos e administrativos da súa comunidade
O principio sustentador dos Orzamentos Participativos é a Democracia Participativa, a través da cal a cidadanía ten dereito a participar no deseño, implementación e avaliación das políticas municipais. Non se trata de actuar só en base a criterios técnicos ou ritmos administrativos senón de adecuarse ás necesidades e obxectivos da cidadanía en base ao diálogo permanente.
A apropiación social do orzamento municipal
O Orzamento como o instrumento por excelencia de calquera planificación das políticas locais. Desde unha óptica participativa promove a creación de capacidades colectivas para a xestión do desenvolvemento local, promovendo unha cidadanía protagonista e activa dos acontecementos do seu concello.Os Orzamentos Participativos supoñen, ao tempo, un mecanismo útil para a promoción das condicións económicas, sociais, ambientais e culturais que melloren as condicións de vida da poboación e fortalezan as bases para o seu desenvolvemento.
Un proceso de OP para a mocidade
O proceso piloto de OP a desenvolver ao longo de 2015 vai dirixido á mocidade compostelá, outorgando a mozas e mozos un papel máis activo na construción do Concello e ao poder formular e decidir as propostas en función das súas necesidades. Ao tempo pretende ser un proceso de recoñecemento polo seu papel activo na sociedade.Sobre unha partida total de 100.000 euros, destinada a deseño de actividades, os OP permitirán traballar a participación cidadá da mocidade, aproveitando o seu sentido crítico así como a súa capacidade e creatividade na formulación de propostas.