FESTAS

O Nadal comeza en Compostela co acendido das luces no Obradoiro e a inauguración do Belén de Umbria

11/12/2009 O Nadal chegou ás rúas da cidade cando o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou o Belén da praza do Obradoiro, chegado dende a rexión italiana de Umbria, e se acenderon as luces da praza máis emblemática de Santiago. Con este acto, ao que asistiu unha comitiva procedente da Rexión de Umbria, deu comezo o Nadal nas rúas de Santiago.

A instalación do antigo e tradicional Belén de Corciano enmárcase no proxecto "Camiños de Europa", que pretende dar a coñecer a cultura e as tradicións das diferentes rexións europeas. Umbria, próxima a Perugia, está situada a poucos quilómetros de Asís, berce de San Francisco, o Santo que tivo a visión da escena da Natividade, o chamado "Presepe", é decir, o Belén. Trátase dunha cidade amurallada e de rúas estreitas que en Nadal se transforma no marco perfecto para o seu "Presepe" cuxas figuras, de tamaño natural, están realizadas por artistas locais. Ataviadas con traxes medievais, as súas cabezas e mans están feitas en terracota e moitos dos obxectos que conforman o Belén son orixinais e proceden do "Museo della Casa Contadina" (Museo da Casa do Campo) de Corciano. Esta é a primeira vez que saen do seu burgo medieval para viaxar a Santiago.

Nun momento difícil para a nosa economía, a Concellaría de Festas volve a facer un esforzo económico, como xa fixera o ano pasado, para ambientar as rúas e prazas da cidade nunhas datas tan significativas como son as do Nadal, indicou o seu titular, Xosé Baqueiro. O Concello de Santiago quere colaborar así na promoción da cidade desde o punto de vista comercial, turístico e tamén para deleite dos cidadáns e cidadás, especialmente dos máis pequenos.

Alumeado en 37 rúas e 8 prazas
O alumeado deste ano conta cun orzamento de 63.800 euros para iluminar o casco histórico, onde se distribúen arcos luminosos en 37 rúas e 8 prazas, e 68.440 para iluminar o Ensanche. A maiores, o Concello, coa colaboración da Consellería de Presidencia da Xunta, faise cargo da iluminación do Pazo de Raxoi, que conta con tres quilómetros de mangueira de luz tipo led, cun custo de 20.800 euros, da árbore de Nadal, que xestiona Parques e Xardíns a través de Cespa e da iluminación do Paseo dos Leóns, que é propiedade do Concello.

Outra novidade é que este ano se instalou unha árbore de 10 metros de altura na praza Roxa. As fontes de Cervantes, Fonseca e do Toural levarán tamén unha iluminación especial. O Toural, Casas Reais e a praza de Cervantes contan con teitos de 12.000 puntos de luz led cada unha (o que equivale ao consumo de tres lámpadas dunha casa, co conseguinte aforro enerxético e menos emisión de CO2).

O horario diario de iluminación será desde as 18.00 h. ata as 2.00 da madrugada agás os días 24, 25 e 31 de decembro e 5 de xaneiro que será ata o amencer.

Ademais do alumeado, o Concello está ultimando un amplo e variado programa de actividades que dará comezo a vindeira semana e rematará coa Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro.

Compartir: