XUNTA DE GOBERNO

Ábrese o prazo de preinscrición nos servizos de comedor e de madrugadores en nove colexios para o curso 2013-2014

13/06/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou a apertura do prazo de preinscrición nos servizos de comedor e de madrugadores en nove colexios da cidade. Ademais, adxudicáronse as obras de reposición de firme e beirarrúas en varias rúas do Ensanche.

Serán nove os colexios cuxos comedores escolares e servizos de madrugadores xestionará o Concello de Santiago por segundo curso consecutivo. Así, do 14 ao 21 de xuño estará aberto o prazo de preinscrición nestes servizos, que funcionarán en nove centros escolares: Apóstolo Santiago, Ramón Cabanillas, Quiroga Palacios, Roxos, Monte dos Postes, Rodríguez Xixirei, Fontiñas, Vite e Raíña Fabiola. O CEIP Arquitecto Casas Novoa, só ofrecerá o servizo de madrugadores.

Obras
En materia de obras, adxudicáronse as de reparación de varias rúas do Ensanche: Frei Rosendo Salvado, Rapa da Folla, Rosa, San Pedro de Mezonzo e Alfredo Brañas. No resto de rúas do Ensanche e no Campus Universitario actuará a Brigada de Vías e Obras para subsanar as principais deficiencias.

Tamén se adxudicaron varias obras das comprendidas no chamado no DTC-94 da Deputación da Coruña: as de reparación e mantemento do edificio de servizos do parque Granell, as de adecuación da oficina de San Lázaro e as de reforma e mellora do Arquivo Municipal, tamén en San Lázaro, así como o subministro de material audiovisual para o novo centro sociocultural de Santa Marta. No marco deste mesmo financiamento provincial, iniciouse o procedemento de contratación das obras de reparación do firme da pista polideportiva do Parque Pablo Iglesias.

Tarxeta de residentes
Na sesión tamén se deu conta dun informe do xefe do Servizo de Tráfico sobre a concesión de tarxeta de aparcamento para residentes ás furgonetas que non pasen de 5 metros.

Accións formativas
En materia de Emprego, tomouse en coñecemento a concesión pola Consellería de Traballo e benestar dunha subvención de 260.838 euros para diversas accións formativas para desempregados: Operacións de fontanería e calefacción, Montaxe e mantemento de redes de auga, Asistencia á Dirección e Xestión contable e xestión administrativa.

Xogos do Atlántico
Finalmente, aprobouse a memoria de actividades para a participación nos X Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrarán do 30 de xuño ao 4 de xullo na cidade portuguesa de Guimaraes. Nesta edición está previsto que asistan unhas 23 cidades, entre portuguesas e galegas, o que supón unha participación aproximada de 1.400 deportistas que disputarán a súa hexemonía en sete deportes diferentes.

De Santiago acudirán a esta cita os seguintes clubs:
- Club Natación Ciudad de Santiago.
- Atletismo Discapacitados, ASPAS.
- Club Voleibol Santiago.
- Delegación Local da Federación Galega de Fútbol.
- Delegación Local da Federación Galega de Baloncesto.

Compartir: