ALCALDÍA

O alcalde confía en que o novo centro comercial das Cancelas atraia novos consumidores á cidade

15/11/2012 O alcalde, Ángel Currás, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou o Centro Comercial As Cancelas. No acto, o rexedor compostelán lembrou a importante xeración de emprego do recinto e expresou a súa confianza en que atraia novos consumidores ao centro e a toda a cidade.

Ángel Currás comezou a súa intervención lembrando que entre as súas conviccións non figuraba "a idea ou oportunidade dun novo centro comercial, e nesta concreta ubicación". Non obstante, o Goberno municipal ocupouse nos últimos meses no empeño de "converter as dúbida se temores, de onte, en oportunidades e fortalezas, de hoxe". Neste sentido, lembrou o traballo de tramitación urbanística, a execución das obras viarias ou o labor da Axencia Local de Colocación na xestión de ofertas de emprego para o centro comercial.

A propósito das fortalezas, o alcalde amosou a súa confianza que en que "moitos dos consumidores que ían comprar a outra cidade se queden agora en Santiago, se acheguen a este centro e tamén se dispersen pola cidade enteira". Apuntou principalmente aos consumidores do entorno de Santiago.

Tamén tivo unha lembranza para cada unha das persoas que "nun contexto tan adverso para a consecución de un traballo, atoparon aquí un emprego". Finalmente, agradeceu a aposta das promotoras polo seu investimento na cidade, demostrando que "Santiago de Compostela posúe unha forza atractiva no só en función da súa historia ou da súa arte, senón tamén en función dos seus servizos". Así, afirmou que "con este centro podemos dar por completada a oferta comercial da cidade".

Compartir: