ALCALDÍA

Visto bo do Goberno autonómico á licitación do centro de saúde de Galeras

04/10/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, expresou a súa satisfacción pola aprobación polo Consello da Xunta da apertura do trámite de licitación do novo centro de saúde de Galeras, no que se investirán 3,3 millóns de euros. Agarda que esta sexa unha actuación "relativamente rápida", de xeito que o Casco Histórico poida dispor pronto do seu centro de saúde.

Para o alcalde, este centro de saúde responde á demanda asistencial existente, polo que valorou que a Xunta priorizase a construción desta infraestrutura. O de Galeras será o quinto centro de saúde de atención primaria, sumándose aos de Concepción Arenal, Fontiñas, Vite e Conxo.

A construción deste centro, xunto coa edificación de vivendas prevista no ámbito, contribuirá, en palabras de Ángel Currás, a poñer en valor esta zona, condicionada durante anos polo abandono a raíz do derrubamento da fachada traseira do antigo Hospital Xeral.

A propósito precisamente do que aínda queda da antiga instalación sanitaria, o alcalde segue a ver con "bos ollos" a posible recalificación dos terreos, hoxe cunha delimitación para uso asistencial e administrativo. Deste xeito, a Universidade de Santiago podería destinar os recursos obtidos a financiar a construción da nova Facultade de Medicina.

Compartir: