EDUCACIÓN

A sala Ángel Brage do Auditorio quedou pequena para unha nova edición do Certame de Danza Intercentros

03/06/2012 Máis de 170 bailarinas de entre 3 e 18 anos amosaron ao público o froito do traballo en torno á danza realizado ao longo do curso no VII Certame de Danza Intercentros, enmarcado no programa Compostela en Danza. A sala Ángel Brage do Auditorio rexistrou un cheo absoluto para este espectáculo, que tampouco quixo perderse a concelleira de Educación, Rebeca Domínguez.

Nesta sétima edición do Certame de Danza Intercentros participaron cinco centro escolares: Colexio San José de Cluny, do CEIP Pío XII, IES Arcebispo Xelmírez I, IES Rosalía de Castro e CEIP López Ferreiro. Representaron 16 coreografías dos máis diversos estilos clásicos e modernos. A duración das pezas ía dende os dous aos dez minutos, configurando un espectáculo de aproximadamente hora e media.

As bailarinas representaron no escenario do Auditorio, por esta orde: Circus (varios), It’s a man’s world (James Brown), Paquita (L. Minkus), Bolero de Ravel (Maurice Ravel), Homenaxe a Momix (varios), Alicia no país das marabillas (varios), O lago dos cisnes (P.I. Tchaikovsky), 4 elementos (varios), Romeo e Xulieta (varios), A vida breve (Manuel de Falla), Canción do mar (Carmen Dor), Bolboretas (Charles Gounod), Farewell (L. Einaudi), Pretty Woman (Elvis Presley), Giselle (Adolphe Adam) e All together (varios).

A danza como recurso formativo
O Certame de Danza Intercentros quere seguir impulsando e apoiando o traballo que se está a realizar no eido da danza en educación infantil, primaria e secundaria. Logo de sete edicións, son moitos os alumnos e alumnas dos centros de ensino da cidade que participan nesta actividade de promoción da danza.

Dende o punto de vista pedagóxico, a danza pode ser un recurso moi importante para a formación dos alumnos e alumnas. A través desta modalidade artística, poñen de manifesto a súa dimensión corporal, cognitiva e afectivo-social. Nas clases trabállase a musicalidade, o ritmo, a expresión corporal, a elasticidade, a resistencia, a forza, a axilidade, o control corporal, a coordinación, o equilibrio, a corrección postural, a memoria, a sociabilización, a superación da timidez, a relaxación, a confianza e a autoestima.

Compartir: