EDUCACIÓN

Educación pon en marcha un programa de conciliación para a Semana Santa

23/02/2012 O concelleiro de Educación, Ángel Currás, presentou o programa municipal de conciliación para esta Semana Santa 2012. Durante os días 2, 3, 4 e 9 de abril, as familias compostelás dispoñerán dun espazo no CEIP Raíña Fabiola e no CEIP Monte dos Postes para conciliar o seu horario laboral co lecer e a educación dos seus fillos. A inscrición poderá formalizarse entre o 24 de febreiro e o 7 de marzo.

Ángel Currás explicou que este programa dá continuidade ao realizado durante o Nadal e ante o éxito do mesmo. Está dirixido a nenos e nenas que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria entre o 2º Ciclo de Educación Infantil e o 3º Ciclo de Educación Primaria.

Tanto o CEIP Raíña Fabiola como o CEIP Monte dos Postes estarán abertos de 7:45 a 15:30 horas. Ofrecerase un servizo de madrugadores con e sen almorzo (de 7:45 a 9:00 horas) e o servizo de comedor (de 14:00 a 15:30 horas). O resto do tempo, os rapaces participarán en diversas actividades e obradoiros.

Estas actividades xirarán fundamentalmente en torno ao medio ambiente, co ánimo de concienciar aos rapaces da importancia do medio ambiente e da natureza, sen esquecer a reciclaxe e o coñecemento do entorno que nos rodea. Haberá ambientación de campamento, obradoiros de manualidades con materiais de refugallo, xogos, xincanas, teatro, roteiros, elaboración de cadernos de campo e obradoiros de compás e mapa.

Os prezos de participación deste programa van dende os 74 euros da modalidade completa (madrugadores con almorzo, comedor e actividades) ata os 40 da modalidade de só actividades, sen incluír os descontos por familia numerosa ou por asistencia de dous ou máis irmáns. Tamén se poden inscribir os rapaces para participar en días soltos.

O período de inscrición neste programa abrirase o venres 24 de febreiro e rematará o mércores 7 de marzo. Pode obterse máis información no Departamento de Educación (Tfno: 981 55 44 00/01 Fax: 981 57 15 11).

Portas abertas no CEIP Apóstolo Santiago
O concelleiro tamén aproveitou a rolda para presentar as xornadas de portas abertas que realizará o CEIP Apóstolo Santiago os días 27, 28 e 29 de febreiro e 1 de marzo. Segundo explicou o director do centro, Xabier Baldomir, o obxectivo destas xornadas é "convidar a pais e nais a coñecer o centro e tomar contacto co equipo docente e cos pais e nais con fillos xa matriculados".

O luns 27 haberá dúas exposicións: unha dun obradoiro de buño e outra de ilustración de contos. O martes 28 servirá para dar a coñecer todas as actividades do centro e, ao día seguinte, realizarase unha exposición multimedia de diferentes actividades que se realizan no Apóstolo Santiago. Para o 1 de marzo queda unha actuación de alumnos matriculados na Escola Municipal de Música, situada a carón do colexio.

Unha representante da ANPA do centro, Mercedes Vaamonde, destacou a oferta de conciliación e a calidade da educación impartida no mesmo. Ademais, valorou a "diversidade e interculturalidade do alumnado" e a "ausencia de conflitos" nun colexio caracterizado polo "clima de confianza e cordialidade entre familias, alumnos e profesores".

Compartir: