CULTURA

O festival Cineuropa pon o foco sobre o traballo das creadoras galegas

22/11/2011 Dentro das actividades paralelas ao Festival, Cineuropa ofrece o mércores 23 de novembro a posibilidade de asistir a unha mesa redonda na que destacadas realizadoras galegas de distintas xeracións analizarán o presente e o futuro da produción cinematográfica de Galicia. A mesa redonda celebrarase na sede da Fundación Novacaixagalicia-CSM (rúa do Vilar), ás 18:00 horas. A entrada é aberta e gratuíta ata completar o aforo.

Neste foro participarán as cineastas Margarita Ledo, Sonia Méndez, Olaia Sendón, Adriana Páramo e Silvia Roca. Estará ademais unha persoa asignada pola directora María Reimóndez. A mesa será moderada por Encarna Otero, membro do Consello da Cultura Galega, organismo promotor desta iniciativa.

Posteriormente e como complemento a esta mesa redonda, Cineuropa ofrece un programa especial, "Creadoras galegas", a través da súa sección Panorama Audiovisual Galego. Así, na mesma sede da Fundación Novacaixagalicia, a partir das 20:00 horas proxectarase Cienfuegos, 1913, de Margarita Ledo e Belkis Vega; Gato encerrado, de Peque Varela; Mulleres da raia, de Diana Gonçalves; Illa Pedra, de Adriana Páramo Pérez; As damas negras, de Sonia Méndez; Os fabulosos irmáns da luz, de Olaia Sendón; A semente, de María Reimóndez; Linguas cruzadas, de Mónica Ares e María Yánez; Cousas do Kulechov, de Susana Rey; e O mito de Venus, de Cristina Castro, Carmen Costa, Nuria López e Silvia Roca.

Estrea de The Conspirator e coloquio con La mujer del eternauta
Doutra banda, nesta xornada de martes, no Teatro Principal, ás 18:30 horas, o público de Cineuropa poderá gozar dun novo achegamento á cinta de Adán Aliaga La mujer del Eternauta cun coloquio posterior á proxección. É a cuarta longametraxe do director Adán Aliaga. En 2005, o cineasta obtivo un nomeamento da Academia de Cine Europeo polo documental La casa de mi abuela, tamén premiado en varios festivais internacionais. No campo da ficción debutou en 2009 con Estigmas, que se alzou co premio Pilar Miró a Mellor Opera Prima na SEMINICI.

Cineuropa ofrece tamén no Principal a estrea absoluta de The Conspirator, a última película dirixida por Robert Redford. The Conspirator reconstrúe o asasinato de Abraham Lincoln e a investigación deste magnicidio. No seu reparto, Robin Wright, Kevin Kline e Tom Wilkinson. Unha oportunidade de ver en primicia o novo filme dun Redford que, como director, deixounos obras da altura de Quiz Show, O río da vida ou Ordinary People.

Compartir: