CULTURA

Catorce formacións participarán no V Certame Galego de Bandas de Música

21/11/2011 O Auditorio de Galicia acollerá do 25 ao 27 de novembro o V Certame Galego de Bandas de Música. Serán tres concertos nos que participarán 14 formacións de toda Galicia, elixidas por sorteo, que interpretarán 31 obras.

O primeiro dos concertos do V Certame Galego de Bandas de Música terá lugar no Auditorio de Galicia o venres 25, ás 20:00 horas, e nel participarán a Banda Municipal de Música de Lousame, a Banda de Música Popular Airiños do Morrazo de Moaña, a Agrupación Musical de Belesar, a Banda de Música La Lira de Ribadavia e a Banda de Música de Santiago de Arteixo.

O sábado 26, a cita será as 18:00 horas e subirán ao escenario a Banda de Música Municipal de Agolada, a Banda de Música Cultural de Teo, a Banda-Escola de Música de Beade e a Banda de Música Popular de Rubiós.

O certame pecharase o domingo 27, día no que, a partir das 16:30 horas, poderase escoitar á Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira, á Agrupación Musical do Rosal, a Agrupación Musical de Vincios, á Banda de Música Municipal de Valga e á Banda de Música Municipal de Caldas de Reis.

Cada unha das formacións interpretará tres obras: un pasodobre, unha obra de elección libre e outra de execución obrigatoria por ser galardoadas en anteriores Concursos de Composición: Monte Medulio, de Andrés Álvarez; e Dolmen, de Antón Alcalde (premios en 2010) e A lenda da Santa Compaña (premio en 2009).

O certame foi presentado en rolda de prensa polo concelleiro de Cultura, Ángel Currás; o director de Agadic, Juan Carlos F. Fasero; o presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares, Rubén Souto; e os compositores Antón Alcalde, Andrés Álvarez e Diego David Cuevas.

Documentos relacionados



Compartir: