Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
Compartir:
CULTURA

Jorge Drexler recibe o premio Cineuropa

Jorge Drexler.
Ampliar Jorge Drexler.


14/11/2011 O Festival de Cine compostelán entregará o segundo dos seus premios Cineuropa, na súa XXV edición, a Jorge Drexler, nunha gala-concerto que se celebrará no Auditorio de Galicia, a partir das 20:30 horas do martes 15. Este recoñecemento ao músico e compositor uruguaio súmase ao Óscar que posúe polo seu tema "Al otro lado del río" para a película Diarios de motocicleta (1997) e o Goya á mellor canción por "Lope" (2010). Á cerimonia, asistirán o alcalde de Santiago de Compostela, Xerardo Conde Roa, e o concelleiro de Cultura, Ángel Currás, entre outros membros da Corporación, así como o director de Cineuropa, José Luis Losa.

Jorge Drexler presentará durante o seu concerto en Santiago de Compostela o seu novo traballo, Mundo Abisal, co que regresa de xira a España este mes de novembro. Coincidindo co 20 aniversario da súa primeira publicación discográfica, Jorge Drexler preséntanos o seu novo espectáculo, aberto á experimentación musical e escénica, co nivel de sofisticación sonora á que o americano nos ten acostumados.

Pero se o músico e compositor uruguaio está de celebración, tamén o está Cineuropa, e para festexar esta coincidencia Jorge Drexler fará en solitario un percorrido por diferentes temas da súa discografía, así como versións incluíndo, como sempre, as altas doses de improvisación e interacción co público que permite este tipo de formato.

Debido á expectación e interese espertado entre o público compostelán, a Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela, decidiu trasladar esta gala ao Auditorio de Galicia, en vez de celebrala no Teatro Principal como estaba previsto. Este cambio permitirá aumentar o número de localidades dispoñibles, que se incrementa nunhas 600, para favorecer a asistencia do público ao concerto gratuíto que Drexler ofrecerá durante esta gala.

Así, os interesados poderán gozar deste evento de forma totalmente gratuíta previa retirada de localidades nas billeteiras do Teatro Principal e do propio Auditorio ata completar o aforo. As entradas poden recollerse nas tardes do luns 14 e martes 15 ata que se esgoten e cun máximo de retirada de dúas entradas por persoa. O horario de billeteiras será de 15:00 a 22:00 horas na billeteira do Teatro Principal e de 17:00 a 20:00 horas o luns, e ata o comezo da gala o martes na do Auditorio de Galicia.

Con Drexler, é a segunda vez que Cineuropa distingue o traballo dun músico, xa que con anterioridade (no 2006) recaeu en Stephen Warbeck, por Shakespeare in love, banda sonora pola que tamén obtivo un Óscar.

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal