Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
ALCALDÍA

Santiago, pioneira na aplicación dos traballos comunitarios como alternativa ás sancións por consumo de alcohol

Saúdo entre Xerardo Conde Roa e Pilar Farjas.
Ampliar Saúdo entre Xerardo Conde Roa e Pilar Farjas.


O alcalde, a conselleira e a concelleira de Benestar Social na Consellería de Sanidade.
Ampliar O alcalde, a conselleira e a concelleira de Benestar Social na Consellería de Sanidade.


Comparecencia ante os medios do alcalde e da conselleira.
Ampliar Comparecencia ante os medios do alcalde e da conselleira.


14/11/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, e a concelleira de Benestar Social e Familia, Paula Prado, presentaron o Programa de Traballos para a Comunidade. Este catálogo de tarefas permitirá dar cumprimento ao establecido no artigo 91 de Ordenanza de convivencia, residuos e limpeza viaria. Santiago é a primeira cidade galega en por en marcha esta medida, contemplada na Lei de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

Conde Roa deu as grazas á Consellería porque "souberon entender cal era o plantexamento do Concello de Santiago en relación ao botellón" e pola súa axuda para emprender "accións formativas e preventivas neste ámbito". Neste sentido, recordou as medidas postas en marcha polo Concello ao inicio desta lexislatura, "encamiñadas a establecer unha pedagoxía sobre os efectos negativos dunha inxesta de alcohol continuada".

Reiterou que o obxectivo destas accións é "concienciar" e que non existe "afán recaudatorio". Así, avanzou que dos 36 sancionados notificados, oito deles xa escolleron estes traballos substitutivos.

O alcalde explicou que estas alternativas son de dous tipos. Por un lado, os sancionados poden asistir a un curso no que se lles explican os efectos da inxesta de alcohol. Por outro, teñen a posibilidade de realizar traballos en beneficio da comunidade. Estes son de dous tipos: acompañamento de peregrinos ou labores de mantemento do Camiño, acompañados neste caso por membros de Protección Civil.

O Concello de Santiago vai ser pioneiro na aplicación da Orde da Consellería de Sanidade pola que se regula o sistema de substitución de sancións impostas por incumprimento da devandita Lei. Esta Orde estará en exposición pública ata o 19 de novembro. Cómpre lembrar que, en relación aos menores de idade, a norma aconsella que prevaleza a substitución da sanción económica imposta pola inclusión en programas preventivos de carácter formativo, informativo ou de tratamento.

A Administración sanitaria galega colaborará co Goberno municipal na aplicación da Orde. Desta experiencia piloto que terá lugar no Concello de Santiago, a Consellería de Sanidade agarda conclusións que favorezan o desenvolvemento e uso desta novidosa regulamentación, tanto por parte das institucións locais como da Administración autonómica.

Depuradora
A preguntas dos medios de comunicación e tras a reunión mantida entre Concello, Ministerio de Medio Ambiente e Augas de Galicia, o alcalde anunciou que "con case co 100% de certeza, podemos dicir que a depuradora cambiará de sitio". Afirmou que "só quedan por ver algúns aspectos da tramitación", pero existe "a vontade de sacala en prazo" e iso é "unha moi boa noticia para os cidadáns de Compostela".

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal