CULTURA
Aitana Sánchez-Gijón recibe o premio Cineuropa na súa XXV edición
09/11/2011 Aitana Sánchez-Gijón foi a protagonista absoluta da gala de apertura da XXV edición de Cineuropa, que se celebrou no Teatro Principal.
A actriz recibiu un dos dous Premios Cineuropa 2011 cos que o festival quixo distinguir a traxectoria profesional de Sánchez-Gijón e a madurez e calidade do seu traballo. Á cerimonia, presentada pola actriz galega María Vázquez, asistiron o alcalde de Santiago de Compostela, Xerardo Conde Roa, e o concelleiro de Cultura, Ángel Currás, entre outros membros da Corporación, así como o director de Cineuropa, José Luis Losa, o director da Filmoteca Nacional, José María Prado, e actores, actrices e representantes do mundo audiovisual galego.
Cineuropa premiou a Aitana nunha homenaxe ao seu traballo, vinculado a dous gañadores do Premio Cineuropa, Vicente Aranda, con quen protagonizou
Celos, e Bigas Luna, que a dirixiu en dúas ocasións, en
La camarera del Titánic e en
Volaverunt, pola cal obtivo a Cuncha de Ouro á mellor actriz no Festival de San Sebastián. No transcurso do acto proxectarase a película
Oviedo Express, de Gonzalo Suárez, coa que Cineuropa pretende reivindicar a que considera unha das mellores comedias españolas da última década.
Aitana Sánchez-Gijón traballou tamén con cineastas como Jaime Chávarri (
Sus ojos se cerraron), Pilar Miró (
El pájaro de la felicidad), Adolfo Aristarain (
La ley de la frontera) ou Manuel Gomez Pereira (
Boca a boca), ademais de con Gonzalo Suárez na comedia que, como diciamos, servirá hoxe de marco á entrega do Premio Cineuropa,
Oviedo Express, na que hai un guiño ao personaxe de
La Regenta que a actriz encarnou na serie de televisión. Aitana Sánchez-Gijón tivo, ademais, unha carreira moi activa fóra do noso país, traballando en Arxentina con Luis Puenzo (
La puta y la ballena), en México con María Novaro (
Sin dejar huella), en Hollywood xunto a Anthony Quinn e Keanu Reeves en
Un paseo polas nubes e con Terence Stamp en
E chegou o amor, en Francia cos irmáns Larrieu en
Un homme, un vrai e na coprodución
El maquinista, de Brad Andersn, xunto a Christian Bale.
Premio Cineuropa tamén para Jorge Drexler
Jorge Drexler, gañador dun Óscar e un Goya pola súa música para a gran pantalla, recibirá o segundo dos Premios Cineuropa 2011 o martes 15 de novembro. Unha gala, desta volta, singular, porque será, en realidade, un concerto do cantautor. Un recital gratuíto que o público poderá gozar previa retirada de localidades nas billeteiras do Teatro Principal ata completar o aforo. Unha programación especial que contará este venres, 11 de novembro, con outro concerto cinéfilo: o que acompañará a proxección do filme soviético
A nova Babilonia, coa interpretación en vivo pola Real Filharmonía da partitura que Shostakovich compuxo para o mítico filme mudo.
Voltar