Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
XUNTA DE GOBERNO

A avenida Manuel Fraga Iribarne unirá Sar coa Cidade da Cultura

Plano da avenida Manuel Fraga Iribarne
Ampliar Plano da avenida Manuel Fraga Iribarne


25/10/2011 A rúa que se estende desde a rotonda contigua ao Multiúsos Fontes do Sar ata a Cidade da Cultura será bautizada co nome de "avenida Manuel Fraga Iribarne", segundo acordou a Xunta de Goberno Local. A voceira, Paula Prado, apuntou que se trata con este xesto de "agradecerlle o moito que fixo pola cidade".

O Pleno da Corporación aprobara na súa sesión ordinaria do mes de setembro dedicarlle unha rúa da cidade ao ex presidente da Xunta de Galicia polo seu traballo en prol da capital galega. A Xunta de Goberno local adxudícalle agora o viario correspondente, un viario cunha carga simbólica importante xa que une a urbe co complexo do Gaiás, auspiciado e posto en marcha durante a presidencia de Manuel Fraga, que apostou por Santiago para a súa ubicación. Paula Prado salientou que "os composteláns temos moito que agradecerlle e por iso este recoñecemento é de xustiza". A voceira do goberno lembrou que Fraga "sempre creu en Santiago como centro neurálxico, administrativo e turístico" e baixo o seu mandato Compostela "acadadou a capitalidade de Galicia".

Foi un dos asuntos máis importantes tratado nesta sesión da Xunta de Goberno, na que tamén se aprobou a sinatura de tres convenios: con El Correo Gallego, para a realización da xa tradicional Carreira Pedestre Popular "Camiño de Santiago, co IES Rosalía de Castro para a financiación do bacharelato internacional e coa Asociación Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela para o programa Vagalume deste ano, "que se centra no traballo con mulleres que sofren a escravitude da prostitución. O Concello valora moito este traballo e polo tanto vai seguir colaborando coa asociación", segundo indicou a voceira. O concello achegará respectivamente 17.000, 7.760 e 17.000 euros. Así mesmo, adxudicouse a contratación do obradoiro "Mente Activa" á Asociación cultural galega de formación permanente de adultos (ATEGAL) por 2.344,90 euros, obradoiro que favorece o desenvolvemento de aptitudes cognitivas por parte das persoas maiores e que se desenvolverá en centros do rural.

Outros asuntos que recibiron o visto bo, neste caso polo apartado de urxencias, foron o inicio do expediente para a contratación de obras de limpeza e desbroce de cunetas nas parroquias de Villestro, Laraño, O Eixo, Bando, Sabugueira, Carballal, Enfesta, Lavacolla, Busto e outras por importe 57.910,54 euros e a adxudicación do contrato para a realización de obras de construción dunha senda peonil na vía pública R-5-III-B (Polígono do Tambre-Son de Abaixo), incluídas no POS 2011 da Deputación da Coruña por importe de 167.630,27 euros. En ambos casos trátase dunha aposta por revitalizar e mellorar a zona rural de Compostela.

Por último, a proposta do concelleiro de Seguridade adxudicouse a subministración de roupa de traballo para o servizo de extinción de incendios e de prendas de auga para a Policía Local. Tamén se aprobaron os pregos para contratar a subministración de prendas de confección a medida para este último corpo.

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal