Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
TURISMO

Santiago acolle unha Feira Medieval que busca a súa personalidade propia

Rolda de prensa para presentar o programa da Feira.
Ampliar Rolda de prensa para presentar o programa da Feira.


27/09/2011 A concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, presentou na oficina de Incolsa a Feira Medieval de Santiago de Compostela, acompañada do xerente de Compostela Monumental, José Ángel Blanco, e do representante da empresa organizadora Juan José García.

A Feira Medieval de Santiago celebrarase entre o venres 30 de setembro e o domingo 2 de outubro en prazas e rúas da Cidade Histórica: praza da Quintana, praza da Inmaculada, rúa da Acibechería, praza de Cervantes, rúa das Ánimas e praza de Salvador Parga. Os principais atractivos do evento serán os espectáculos de rúa, incluídos espectáculos nocturnos onde o lume será o protagonista. Tamén haberá múltiples obradoiros de oficios e diferentes exposicións temáticas.

Os máis pequenos terán unha zona infantil, onde se desenvolverá multitude de actividades, como obradoiros de pintura, reciclaxe, malabares, marionetas, xogos de enxeño… Tamén terán ogros, trasgos, bufóns, cómicos, conta contos e mesmo un dragón que será capturado nun dos espectáculos de rúa. Ademais, haberá arredor de cen postos de artesanía do máis diverso.

Dende o Concello de Santiago estase traballando nunha reformulación completa da Feira Medieval que se viña celebrando ata o momento nos meses de xullo ou xuño. O obxectivo é que Santiago conte cunha Feira Medieval con personalidade propia, que recolla os valores medievais da cidade, e que non sexa só unha recreación máis dun modelo estándar que se repite en multitude de cidades, converténdose así nun auténtico elemento dinamizador do turismo e o comercio da cidade.

A edición de 2011 é xa un paso intermedio neste obxectivo e ten importantes cambios con respecto a edicións anteriores. O Concello colabora a través de Incolsa na promoción do evento. Pero, a diferenza das edicións anteriores, non fai ningunha achega económica, polo que non ten ningún custo directo para as arcas municipais.

Esta edición centra o seu atractivo nos espectáculos de rúa e nas actividades para nenos e reduce o número de postos de artesanía, duns 300 do ano pasado a arredor de 100, de tal xeito que non se sobrecarga a oferta comercial e a Feira se converte nun complemento do comercio da Cidade Histórica, con capacidade para atraer a novo público durante uns días, e non nun competidor que por celebrarse en temporada alta aproveitaba o volume de xente que xa había na cidade, pero apenas atraía a ninguén máis.
Documentos relacionados

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal