Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
MOBILIDADE

O estacionamento Salgueiriños contará cunha área de servizo para autocaravanas

Gumersindo López, Albino Vázquez e Manuel Gil.
Ampliar Gumersindo López, Albino Vázquez e Manuel Gil.


Detalle da situación da futura instalación en Salgueiriños.
Ampliar Detalle da situación da futura instalación en Salgueiriños.


22/09/2011 O estacionamento de borde de Salgueiriños incorporará a finais de outubro unha área de servizo para autocaravanas, segundo anunciou o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Albino Vázquez. Ademais de aparcar o vehículo, os usuarios poderán abastecerse de auga e eliminar as augas residuais.

O concelleiro indicou que é unha obra sinxela, pero que outorgará un servizo moi necesario. Neste sentido, recordou que en 2010 estacionaron no aparcadoiro de Salgueiriños 300 autocaravanas e no que vai de ano xa se chegou ás 750. Ademais, falou da idoneidade deste emprazamento, xa que a carón do aparcadoiro hai unha parada de transporte público.

Aclarou tamén que se trata dun estacionamento e en ningún caso dun lugar de acampada. A utilización do servizo terá un pequeno custo a maiores do estacionamento, aínda por determinar. A instalación poderá ser usada por dúas caravanas ao mesmo tempo. Salgueiriños ten capacidade para uns 200 vehículos deste tipo.

Este novo servizo para autocaravanas estará debidamente sinalizado pola cidade, coas indicacións precisas para facilitar a chegada dos usuarios ao mesmo.

Acompañou o edil na rolda de prensa o presidente da Asociación Galega de Autocaravanas, Manuel Gil, e o seu tesoureiro, Gumersindo López. O primeiro deles agradeceu ao Concello esta nova área de autocaravanas e apuntou que, ademais do servizo prestado aos usuarios de autocaravanas, esta medida fomenta o transporte público e a protección do medio ambiente, ao poder depositar as augas grises dos vehículos nun lugar axeitado.

Ordenanza de carga e descarga
A preguntas dos xornalistas, Albino Vázquez anunciou a intención do Goberno municipal de modificar a actual ordenanza de carga e descarga, por considerar que a esta "non é funcional". Así, referiuse á non coincidencia de horarios de reparto coa demanda, a un "mal deseño" das zonas de carga e descarga e á "saturación de vehículos e tamaños". Sobre este último extremo expresou a necesidade dunha mellor organización, mesmo limitando os días de reparto nos casos en que sexa posible que este non se realice a diario.

O edil recordou que o Goberno municipal xa leva tempo traballando nesta modificación da ordenanza, para a cal se estudarán as propostas de distribuidores e hostaleiros.

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal