Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
CULTURA

O Ciclo de Lied trae ao Principal un dos carteis máis atraentes das súas doce edicións

Ángel Currás e Víctor Carou.
Ampliar Ángel Currás e Víctor Carou.


Na rolda de prensa para dar a coñecer o programa do Ciclo de Lied.
Ampliar Na rolda de prensa para dar a coñecer o programa do Ciclo de Lied.


14/09/2011 O tenor Mark Padmore, a mezzosoprano Anna Grevelius, os barítonos Philip Smith e Thomas E. Bauer e a soprano Sandrine Piau, acompañados ao piano polo xa habitual Roger Vignoles, serán os protagonistas do XII Ciclo de Lied. O programa, composto por catro concertos no que resta de mes de setembro, os martes e os xoves no Teatro Principal, foi presentado en rolda de prensa polo concelleiro de Cultura, Ángel Currás e polo novo director-xerente do Auditorio de Galicia, José Victor Carou.

O novo responsable do Auditorio mostrouse orgullo de dar a coñecer "un dos carteis máis atraentes que temos presentado" e definiu como unha "pequena milagre musical" a permanencia durante doce anos deste ciclo, dun xénero musical tan pouco difundido. De feito, recordou, só existen dous eventos deste tipo en España e moi poucos en Europa.

Tras darlle a benvida a Carou como director xerente do Auditorio, o concelleiro de Cultura, Ángel Currás, avalou este Ciclo de Lied como "unha cita contrastada, singular e de calidade". Segundo dixo, programas como este e os presentados nas últimas semanas – Festival Músicas da Itinerancia, Peregrinos Musicais ou Programa de Abono do Auditorio- demostran que "Santiago ten un carácter musical como ningunha outra cidade de Galicia".

Esta nova entrega do Ciclo de Lied leva por título "Humano, espiritual...la bonne chanson". A definición, segundo explicou Víctor Carou, obedece ás temáticas desta edición, entre as que se inclúe un programa de cancións espirituais e sacras pensando especialmente co gallo da conmemoración do oitavo centenario da consagración da Catedral. Da selección das cancións encargouse especialmente o pianista inglés Roger Vignoles, quen celebra así o seu decenio como director artístico do certame.

Sobre os cantantes, Víctor Carou destacou a presenza de dúas figuras de recoñecido prestixio internacional como Mark Padmore e Sandrine Piau, auténticos especialistas no xénero do lied e que abrirán e clausurarán o ciclo, respectivamente. O tenor inglés é xa un vello coñecido do público compostelán e a cantante francesa é a primeira vez que se presenta no Principal.

O programa tamén inclúe no segundo concerto a "dúas novas promesas": a mezzosoprano sueca Anna Grevelius e o barítono inglés Philip Smith. O calendario de concertos complétao o barítono alemán Thomas E. Bauer, quen tamén chega por primeira vez a Santiago.

O programa de concertos será o seguinte:

Martes 20 setembro
MARK PADMORE tenor
Franz Schubert, Gustav Mahler, Sally Beamish, Gabriel Fauré
Xoves 22 de setembro
ANNA GREVELIUS mezzosoprano
PHILIP SMITH barítono
Henry Purcell, Franz Schubert, Hugo Wolf, Johannes Brahms
Martes 27 de setembro
THOMAS E. BAUER barítono
Johannes Brahms, Gustav Mahler, Robert Schumann
Xoves 29 de setembro
SANDRINE PIAU soprano
Gabriel Fauré, Franz Liszt, Ernest Chausson, Claude Debussy, Alexander Zemlinsky, Richard Strauss, Francis Poulenc
Acompañados por Roger Vignoles ao piano

O abono para os catro concertos ten un prezo de 18 euros, mentres as entradas soltas custan 6 euros. Os abonos e billetes poden mercarse a través do servizo de venda de entradas de Caixa Galicia (www.novacaixagalicia.es ou 902 434 443). No despacho de billetes do Teatro Principal (de 12:30 a 14:00 e de 18:00 a 21:00) tamén se poderán comprar os abonos o venres 16 e o luns 19 de setembro, e as entras soltas o día de cada concerto.

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal