Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
CULTURA

A Real Filharmonía inaugura a temporada de concertos do Auditorio de Galicia coa ópera "O barbeiro de Sevilla"

Rolda de prensa de presentación do programa de abono.
Ampliar Rolda de prensa de presentación do programa de abono.


09/09/2011 Xa está todo listo para a próxima temporada de concertos da Real Filharmonía no Auditorio de Galicia, que terá inicio o próximo 28 de setembro cunha dobre función de ópera. O director titular da Filharmonía, Antoni Ros Marbà, á fronte da orquestra, e Curro Carreres, como director de escena, presentarán ao público O barbeiro de Sevilla, un evento que ademais se enmarca no 800 Aniversario da Catedral de Santiago.

A partires de outubro, pola sala compostelá pasarán, ademais de Antoni Ros Marbà como director artístico e titular, Maximino Zumalave, como director asociado, e Paul Daniel, como principal director invitado, unha representación dos mellores directores e solistas do panorama actual. En total serán 29 concertos, nos que soarán preto dun cento de pezas musicais.

Como solistas, chegarán a Santiago, entre outros, os violinistas Jack Liebeck, Isabelle Faust, Nemanja Radulovic, Kolja Blacher e Arabella Steinbacher; o violoncellista Johannes Moser; os pianistas Christian Zacharias, Alexander Lonquich, Saleem Abboud Ashkar, Eldar Nebolsin e Fazil Say; o óboe Stephan Schilli; o arpista Xavier de Maistre; o guitarrista Pablo Sáinz; a soprano María Bayo e as mezzosopranos Jane Irwin e Nancy Fabiola Herrera. Entre os coros, destaca a participación do Rias Kammerchor, que en vésperas de Nadal porá voz a O Mesías de Haendel. Tamén chegarán ao Auditorio de Galicia, como orquestras invitadas, a Orquestra Sinfónica do Porto Casa da Música e a Sinfónica de Galicia. Como nas tres últimas edicións, o ciclo de abono inclúe tres recitais de piano con Ingolf Wunder, Emanuel Ax e Paul Lewis, que conforman o Ciclo de Piano "Ángel Brage".

Escola de Altos Estudos Musicais
Como novidade este ano, a Escola de Altos Estudos Musicais será escenario dunha serie de charlas e coloquios sobre varios dos programas de abono, cuxos protagonistas serán ben os propios directores e solistas ou expertos en música. Dende este ano, o Consorcio de Santiago pasou a xestionar de forma directa a Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, vinculada dende sempre á Real Filharmonía de Galicia. Con esta nova actividade, o centro docente súmase ao proxecto cultural desenvolvido pola orquestra no Auditorio de Galicia.

Enmarcada no compromiso permanente da Real Filharmonía cos compositores galegos, a temporada inclúe unha orixinal iniciativa pola cal o público poderá escoitar a orquestración que o novo compositor compostelán Fernando Buide del Real fará da primeira sinfonía de Mahler. Dirixirá o alemán Christoph Konig, que este ano repite á fronte da Filharmonía. A formación tamén estreará unha obra de Pablo Beltrán Sobrado, profesor no Conservatorio de Vigo. Ademais, continuará coas súas sesións pedagóxicas, grazas as cales máis de 7.000 escolares galegos aproxímanse dun xeito didáctico á música e aos instrumentos.

Venda de abonos
Como todos os anos, o Auditorio de Galicia ofrece catro modalidades de abono para asistir aos diferentes concertos da temporada, ademais do abono especial para estudantes e xubilados, que supón un aforro do 50%. Tamén se mantén a modalidade de abono colectivo para asociacións culturais e veciñais, escolas de música públicas e centros educativos públicos. A renovación de abonos poderase realizar entre os días 13 e 16 de setembro. A venda de novos abonos será os días 20 e 21 de setembro.
Documentos relacionados

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal