Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
Compartir:
CULTURA

Talentos novos rusos e galegos no I Encontro Internacional Peregrinos Musicais

Roda de prensa para presentar o Encontro.
Ampliar Roda de prensa para presentar o Encontro.


05/09/2011 O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, presentou o I Encontro Internacional Peregrinos Musicais, que se celebra na nosa cidade do 6 ao 9 deste mes. Fíxoo acompañado de Maximino Zumalave, director asociado da Real Filarmonía de Galicia, e Alexander Gold, director do encontro e representante da Fundación Vladimir Spivakov que colabora no mesmo. Estaba tamén prevista a presenza de Ilona Timchenko, directora artística do evento que non puido estar presente finalmente por problemas cun voo. No marco do encontro celebraranse dous concertos no Teatro Principal, un deles coa Real Filharmonía de Galicia, e outro na Capela do Hostal dos Reis Católicos.

Alexander Gold lembrou como se orixinara a idea do Encontro xunto con Ilona nun curso de piano na Escola de Altos Estudos Musicais e asegurou que en Galicia había "moitos nenos dotados con grande talento musical, pero desgraciadamente non sempre poden ser descubertos eses talentos", polo que esperaba que este encontro servira para axudar nese sentido. Do mesmo modo, Gold destacou que era importante o intercambio cultural entre os participantes, xa que os nenos rusos vivirán con familias galegas estes días, polo que coñecerán a nosa cultura. Así mesmo, comentou que varios nenos galegos viaxarán a Rusia o ano próximo para participar no festival e alí contarán con aloxamento gratuíto xunto con familias rusas. Gold espera que así este encontro dea moitos froitos para o futuro musical dos rapaces galegos e rusos.

Maximino Zumalave, quen dirixirá á Filarmonía xunto con seis nenos do encontro, asegurou sentirse moi ilusionado con este proxecto que, para el, é moi interesante e motivador. Amosou o seu interese en que se fagan máis encontros como este con outras cidades, así como que este en concreto con Moscova se consolide. Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Ángel Currás, resaltou a importante contribución educativa que ten este proxecto, ademais da obvia vertente cultural e destacou que espera que este sexa o inicio dunha futura colaboración entre Santiago e Moscova.

O programa comprende tres concertos e unha exposición de cadros de pintores rusos. Así, o martes día 6 o concerto será ás 21:00 horas no Teatro Principal e nel, baixo o nome Xóvenes talentos. Santiago de Compostela e Moscova poderemos escoitar a 10 mozos galegos e rusos interpretando diferentes pezas. O xoves 8 o concerto será na Capela dos Reis Católicos ás 21:00 horas, onde tamén se pode ver a exposición dos cadros dos pintores rusos. O concerto de clausura será tamén no Teatro Principal, o venres 9, e nel a Real Filharmonía de Galicia interpreta varias pezas acompañada de seis dos rapaces participantes no encontro. Todos os concertos son con entrada de balde ata completar aforo.
Direccións relacionadas

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal