CONSORCIO

O Compostela Organum Festival programa seis concertos no seu ciclo de verán

19/08/2011 O ciclo de verán do Compostela Organum Festival, organizado polo Consorcio da Cidade de Santiago, dará comezo o martes 23 de agosto, cunha serie de seis concertos que se celebrarán ata o día 28 deste mes en diversas igrexas da capital galega. Entre os organistas que participarán destacan Bruno Forst, Vicent Bru, Ignasi Jordá, Esteban Landart, Ana Aguado e Andrés Cea Galán.

O organista Vicent Bru e o grupo Calpul Múrice iniciarán o ciclo o martes 23, ás 20:30 horas, na igrexa das Ánimas, co concerto Festum Omnium Sanctorum. Acompañando ao organista actuarán o contratenor Gabriel Díaz e os tenores Luis Sampedro e Conrado Álvarez, ademais de Cristo Delgado tocando o sacabuche e Hugo Rodríguez no baixón. Interpretarán obras de Tomás Luis de Victoria, erudito do Renacemento español e primeiro compositor do barroco.

O segundo concerto terá lugar o mércores 24 na igrexa de San Miguel dos Agros, onde Ignasi Jordá, ao órgano, e o tenor Lambert Climent interpretarán un repertorio configurado polas obras de Victoria, Monteverdi e Bach baixo o nome Teatralidade na música relixiosa.

A semana de concertos continuará na Catedral, onde o xoves 25, ás 21:00 horas, o organista Esteban Landart interpretará a Bach, Liszt e Alain. A seguinte actuación terá lugar o 26 de agosto, ás 20:30 horas, na igrexa da Universidade, onde a organista Ana Aguado, ofrecerá o concerto Tañendo danzas e discursos, interpretando a Cabezón, Arauxo e Frescobaldi.

Bruno Forst e a Capela de Extravagantes actuarán o sábado 27, ás 20:30 horas, cun concerto de órgano obrigado denominado Pues no me quereis hablar, na igrexa da Universidade.

O Compostela Organum Festival concluirá o seu ciclo de verán o domingo 28, ás 20:30 horas, na igrexa de San Paio de Antealtares, co concerto Música do Seicento Italiano para órgano e concerto di viole, co organista Andrés Cea Galán e o grupo Ishbylia Consort, que interpretarán obras de Raval, Palestrina, Valente e Ortiz.

Documentos relacionados



Compartir: