Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
Compartir:
CULTURA

Danza, música e curtametraxes españolas abrázanse na xornada do xoves 18

DJ Kowe.
Ampliar DJ Kowe.


17/08/2011 O Festival dos Abrazos continúa enchendo as rúas e prazas de Compostela dos máis variados espectáculos. Na xornada do xoves 18 teremos danza, música e curtametraxes. Comezamos con Danza e contradanza, de Iván Villar e Nelson Quinteiro, a partir das 20:00 horas no Toural (se chove será no Teatro Principal) para seguir con Curtocircuíto na Rúa na praza de Cervantes: ás 21:15 sesión co DJ Kowe e ás 22:30 proxección de curtas da sección Feito en España (se chove, Curtocircuíto trasládase á praza de Abastos). Ademais, haberá dous concertos de Feito a Man: ás 20:00 horas na praza de Feixoó con Flu; e a partir das 22:00 horas estarán Samesugas na fonte de San Miguel.

Iván Villar e Nelson Quinteiro ofrecen en Danza e contradanza un espectáculo incardinado coa esfera do canto tradicional, disciplina sobre a que propoñen unha revisión escénica, empregando elementos como escenas sonoras, ritmos sampleados ou pedais de loop, delay ou ecualización postas ao servizo das letras tradicionais. No ámbito da danza, que coreografía Villar, o espectáculo ofrece unha particular fusión entre a danza tradicional con outro tipo de movementos ou enerxías que se acercan máis á danza contemporánea ou ás enerxías propias do flamenco.

Kowe Xoan Komba Aloy, DJ Kowe, sempre estivo relacionado co mundo da música e o espectáculo, e segundo as súas propias verbas, pinchar é co que máis goza, cousa que practica en sitios tan típicos composteláns coma os pubs Cachán, A Reixa ou O Embora. Influenciado pola súa afección á música negra, a súa actuación traeranos ritmos tan dispares coma interesantes a través dos estilos Soul, R&B, Blues, Acid Jazz Latino u Funk Music.

As proxeccións de Curtocircuíto desta xornada son da sección Feito en España. Poderemos ver: Picnic, de Gerardo Herrero; La gran carrera, de Kote Camacho; Amistad, de Alejandro Marzoa; El premio, de León Siminiani; Todo queda en familia, de Luis Fabra; e La huida, de Víctor Carrey.

Organizado pola Concellaría de Cultura, o Festival dos Abrazos conta co patrocinio do Consorcio de Santiago e a colaboración da Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a Man, integrada no Festival dos Abrazos; o Festival de Cine Euro-Árabe Amal; La Caixa de Barcelona e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC.

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal