Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
ALCALDÍA

Catrocentas persoas de corenta nacionalidades participarán nos cursos de verán para extranxeiros da USC

Intervención do alcalde compostelán no acto.
Ampliar Intervención do alcalde compostelán no acto.


12/07/2011 Catrocentas persoas de corenta nacionalidades distintas participarán este mes de xullo nos cursos de verán de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros e de formación para profesores de español como lingua estranxeira que organiza Cursos Internacionais da USC.

A edición deste ano inaugurouse no Paraninfo da Universidade nun acto ao que asistiron o alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa; o reitor da USC, Juan Casares Long; a vogal asesora do Ministerio de Educación, Rosa Rodríguez Pascual; e a xerenta de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud Álvarez.

Na cerimonia, o xornalista experto na temática xacobea Antón Pombo Rodríguez impartiu a conferencia inaugural sobre o descubrimento de España e Galicia a través do Camiño de Santiago, que entronca directamente coa temática dun dos programas do curso, o de lingua e cultura españolas sobre o Camiño, que ten como obxectivo perfeccionar a competencia lingüística e cultural dos participantes no marco da historia e a actualidade do fenómeno xacobeo.

Diversas procedencias
Os estudantes que veñen a Santiago a realizar estes cursos proceden, entre outros lugares, de Francia, Brasil, Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Suíza, Filipinas, China, Xapón, Noruega, Corea, Polonia, Italia, Palestina, Marrocos, Rusia, Alemaña e Xeorxia.

Do total, cen son profesores de español e administradores de centros educativos que están a realizar un programa de actualización didáctica e cultural ao abeiro dun convenio entre a USC e o Ministerio de Educación español. Estes docentes chegan de países tan diversos como Albania, Australia, Bulgaria, Eslovaquia, Hungría, Moldavia, Polonia, República Checa, Romanía, Rusia ou Turquía.

Cursos Internacionais organiza programas formativos que comprenden clases de lingua para o estudantado e de didáctica e metodoloxía do ensino da lingua para o profesorado. Inclúense ademais seminarios de cultura que achegarán aos participantes diferentes aspectos da realidade de España e de Galicia. Neste sentido, e para completar a aprendizaxe lingüística, están previstas numerosas actividades culturais como visitas guiadas á cidade e ao patrimonio da USC, sesións de cine, conferencias, asistencia a museos, aulas itinerantes e excursións ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, Lugo, parte do Camiño de Santiago, A Coruña e as Rías Altas.

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal