CONSORCIO

A praza do Obradoiro acolle unha nova edición do Concurso de Canteiros

12/07/2011 A terceira edición do concurso Canteiros no Obradoiro terá lugar o sábado 16 de xullo na praza do Obradoiro e consistirá nunha proba de labrado manual dunha lousa como as que conforman o pavimento da Cidade Histórica.

Un total de 24 canteiros competirán demostrando a súa destreza traballando sobre unha prancha irregular de granito de 80x50x20 ata darlle forma á lousa. Haberá un primeiro premio de 1.500 euros, un segundo de 600 euros e un terceiro de 400 euros. Ademais, o gañador verá colocada a súa lousa nunha rúa da cidade, coa súa marca de canteiro, no marco das accións de mantemento e conservación dos lousados que promove o Consorcio.

A proba inicia ás nove da mañá e remata ás cinco da tarde, cunha pausa de dúas horas para xantar. Trátase dun encontro entre os profesionais da cantería, que por un día se xuntan nunha praza emblemática, cuxo nome fai alusión, precisamente, aos talleres de canteiros que nela había e nos que se traballaba na construción da Catedral. Así, esta edición de Canteiros no Obradoiro, ten un significado especial, cando se cumpren oitocentos anos da consagración da basílica xacobea.

O xurado do concurso terá en conta, ademais do tempo empregado, a corrección na elaboración dos diferentes planos e dimensións, a corrección nos acabados, o emprego correcto das ferramentas, o cumprimento das medidas de seguridade, a ergonomía no traballo, así como a organización e limpeza do posto de traballo.

Canteiros no Obradoiro enmárcase nas iniciativas encamiñadas á difusión e revalorización dos oficios relacionados coa rehabilitación promovidos polo Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral de la Construcción e vincúlase de forma especial ao programa A Pedra que pisas, posto en marcha en 2007 polo Consorcio de Santiago para o mantemento e conservación dos lousados da Cidade Histórica.

Neste sentido, compre salientar o convenio asinado este ano entre o Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral da Construcción, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento polo cal Santiago será a sede do Centro Nacional de Referencia en Materia de Rehabilitación, destinado á formación de traballadores da construcción en oficios vinculados á rehabilitación e ao mantemento de edificios e espazos públicos. O Centro de Formación en Rehabilitación estará ubicado na antiga curtidoría de Pontepedriña de Arriba, nas beiras do río Sarela. Trátase dunha vella fábrica de curtidos, con orixe no século XVIII e dun alto valor patrimonial, e que a día de hoxe se atopa en situación de abandono. O inmoble e o terreo adxacente (que suman un total de 23.132 metros cadrados) xa foron adquiridos pola Fundación Laboral da Construcción. Todo o conxunto, de grande valor arquitectónico e etnográfico, será rehabilitado e acondicionado para o seu novo uso.

Compartir: