Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
FESTAS

O Concello avanza un programa de festas de calidade malia a austeridade do orzamento

María Castelao e Adrián Varela presentaron o avance do programa.
Ampliar María Castelao e Adrián Varela presentaron o avance do programa.


12/07/2011 Os concelleiros María Castelao e Adrián Varela presentaron un avance das festas do Apóstolo, que terán finalmente 11 días. Serán unhas festas austeras no seu orzamento, cunha redución do 66% respecto das anteriores, pero cun programa de calidade, a pesar igualmente da premura do tempo para a configuración do mesmo.

María Castelao indicou que estas festas do Apóstolo estarán marcadas polo principio de "austeridade" que quere impor este novo Goberno municipal. Neste sentido, Adrián Varela salientou que o gasto se reducirá aproximadamente un 66% respecto a celebración de 2010. "As festas da Ascensión custaron 180.000 euros, e nós gastaremos nos 11 días do Apóstolo unha cifra similar", dixo.

Afirmou a concelleira que, malia non atopar case nada preparado, a excepción dos fogos e dun concerto da Deputación da Coruña, unha semana despois da toma de posesión, xa se pode presentar un avance do programa, que cualificou como "digno". Así o referendou Varela, destacando o "nivel bastante alto" dunha celebración que presenta algunhas novidades operativas, como o traslado dos habituais concertos do Toural ao Paseo dos Leóns da Alameda. Tamén quixo salientar a colaboración que XADE presta na organización dalgúns dos actos previstos.

Comisión de festas
Cara o futuro e malia que nesta ocasión todo o Goberno municipal se implicou na elaboración do programa das festas, María Castelao anunciou que se vai crear unha Comisión de Festas, co obxectivo de que estea en marcha despois do verán. Presidida polo alcalde e coa participación dos concelleiros de Xuventude, Cultura, Centros Socioculturais e Turismo, dará cabida a unha ampla representación da cidade. "A organización das festas debe ser algo transversal e queremos que toda a cidade participe na elaboración do programa das festas", engadiu.

Once días de festas
En canto ao programa, as festas abriranse o xoves 21 co tradicional pregón, que nesta ocasión darán, probablemente, dous coñecidos deportistas. Un deles está xa está apalabrado e o outro pendente de confirmación. Esa noite, o coñecido dj de Cadena 100 El Pulpo comandará un espectáculo na Quintana, no que tamén participará un grupo musical aínda por pechar.

O edil de Xuventude referiuse aos concertos na praza da Quintana de Vetusta Morla (xoves 28), Rafael Amargo (venres 29), Luz Casal (venres 22 e programado pola Xunta) e Berrogüetto (luns 25, auspiciado pola Deputación da Coruña). Tamén haberá dous concertos programados por cadeas radiofónicas: o de Cadena 100, con Cornelius, Taxi e La Máquina del Tiempo (domingo 24); e o da Cadena Ser, con El Pescao e Ragdog (mércores 27).

Orquestras, títeres e novidades
Tampouco faltarán as tradicionais orquestras a carón da igrexa do Pilar. Actuarán Nova Palma (sábado 23), Cinema (domingo 24), Combo Dominicano (sábado 30) e Olympus (domingo 31). O xoves 28 haberá un espectáculo de Títeres Cachirulo no Toural e Praterías e, no eido teatral, estase a negociar a representación dunha obra nacional no Teatro Principal.

Novidades desta edición son un torneo de pádel para afeccionados do 27 ao 29, e un día dedicado especialmente aos nenos, o xoves 28, cunha serie de actividades aínda por pechar. Do 28 ao 30 celebrarase o tradicional torneo de chave.

Adrián Varela indicou que o programa definitivo se presentará nos vindeiros días, unha vez estea pechado o calendario de actividades e concertos.

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal