CULTURA

O Concello organiza este ano a XXIX edición do Premio Blanco Amor de novela

22/06/2011 O Premio Blanco Amor de novela é organizado cada ano por un dos concellos adheridos ao mesmo e o organizador nesta edición, a número vintenove, é o Concello de Santiago.

Durante estes meses pasados o Concello de Santiago estivo xestionando a confirmación de participación do resto de localidades adheridas ao premio e o retraso nestas confirmacións non permitiu convocar oficialmente o Concurso. Dende o Concello lamentan profundamente as molestias que puido causar este retraso no calendario do Premio e anuncian que a convocatoria, á espera da confirmación oficial de dous concellos, farase nos vindeiros días.

O Premio Blanco Amor de novela longa foi creado no ano 1981, por iniciativa do Concello de Redondela. Forman parte da súa organización os concellos galegos que ao longo da súa traxectoria se foron adherindo a el. Cada convocatoria corre a cargo dun concello elixido por sorteo na edición do ano anterior de entre os adheridos que aínda non foron organizadores. No acto de entrega da XXVIII edición do Premio Blanco Amor celebrada o 24 de abril de 2010, no Concello de Poio, tivo lugar o sorteo do organizador da seguinte edición que recaeu no Concello de Santiago de Compostela.

O Concello de Santiago, tal e como lle corresponde, convidou a participar a todas as demais localidades e os trámites necesarios para estas adhesións alongaron un pouco o proceso pero obviamente, dende o Concello mantense o compromiso. Por iso, tan pronto chegue a confirmación oficial das dúas localidades que faltan poñerase en marcha o procedemento de convocatoria do premio, que consistirá na aprobación das bases do premio en Xunta de Goberno Local para a continuación publicalas no DOG, así como nun xornal de ampla difusión.

A partir de aí marcaranse as datas de recepción dos orixinais e o nomeamento dos membros do xurado e, entre dous e tres meses despois do peche do prazo de recepción de orixinais, terá lugar o fallo e a entrega do premio nun acto no que tamén se realizará o sorteo do concello organizador da seguinte edición. A pesar de que o Premio aínda non foi convocado, hai autores que enviaron xa os seus orixinais. Estes orixinais están custodiados debidamente e seranlle entregados ao xurado a non ser que algún dos autores quixera retiralos e presentalos de novo dentro do prazo oficial.

Compartir: