Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
CONSORCIO

O Consorcio e o Cabildo organizan un ciclo de conferencias e unha exposición divulgativa sobre o Plan Director da Catedral

O deán, o alcalde en funcións e o xerente do Consorcio presentaron o ciclo de conferencias en rolda de prensa
Ampliar O deán, o alcalde en funcións e o xerente do Consorcio presentaron o ciclo de conferencias en rolda de prensa


08/06/2011 O 800 Aniversario da consagración da Catedral de Santiago, que se conmemora este ano 2011, vai servir para poñer en valor o Plan Director da Catedral, o documento oficial que establece as pautas, condicións, custos e a programación das actuacións necesarias para a súa rehabilitación, e que, deste xeito, botará a andar de maneira definitiva.

O Plan Director describe de forma detallada o estado actual do conxunto catedralicio, para establecer as pautas das futuras intervencións. Tamén prevé e propón pautas para a xestión integral do edificio en canto ás actuacións de rehabilitación, restauración, acondicionamento, ordenación de usos e mantemento. Por seccións, o Plan Director da Catedral considera de forma exhaustiva os seguintes aspectos:

-Planimetría (levantamento topográfico, elaboración de novos planos, e corrección dos antigos, recollida de augas pluviais e rede de fontanaría, rede eléctrica)
-Estudo das patoloxías nas fábricas (fachadas, cubertas, torres, interior do templo, edificio claustral)
-Estudo dos bens mobles, os retablos e as pinturas murais
-Estudo dos usos no edificio claustral (actuais e novos usos)
-Estudo das medidas de seguridade, no templo e o edificio claustral (sistemas contra incendios, antirroubo e de vixilancia).
-Programa de actuacións (prioritarias, secundarias, de remate e de mantemento)

Ás obras de restauración xa iniciadas na fachada da Acibechería e na Torre do Reloxo, sumarase en pouco tempo a obra de rehabilitación do Pórtico Real, na praza da Quintana. En paralelo vaise empezar a traballar na posta en funcionamento dunha Oficina Técnica que, dependente da Fundación Catedral de Santiago, xestionará todo o proceso restaurador a partir de agora.

Neste sentido, dende a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago, en colaboración co Cabildo da Catedral de Santiago, programáronse dúas iniciativas, un ciclo de conferencias e unha exposición divulgativa, pensadas para dar a coñecer os contidos do Plan Director e o proceso de conservación e restauración iniciado na basílica xacobea.

Ciclo de conferencias
O próximo 13 de xuño arrincará un ciclo de conferencias, orientadas a dar a coñecer iniciativas para a xestión e posta en marcha da estrutura estable de restauración e mantemento na Catedral de Santiago, seguindo as pautas do seu Plan Director. As charlas serán no Hostal dos Reis Católicos, en horario de tarde. Ademais de persoas relacionadas directamente co Plan Director da Catedral, como o seu redactor, o arquitecto Javier Alonso, o cóengo director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, ou o Deán da Catedral de Santiago, José María Díaz, chegarán a Santiago o escultor e debuxante da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid, Miguel Sobrino, o arquitecto director adxunto das obras do Templo da Sagrada Familia de Barcelona, Jordi Faulí, o arquitecto mestre de obras da Catedral de Sevilla, Alfonso Jiménez, os arquitectos Bernd Nicolai (Universidade de Berna) e Anke Wunderwald (Universidade de Cottbus-Alemaña), o Director do Instituto de Patrimonio Cultural de España, Alfonso Muñoz, ou o arquitecto Santiago Huerta, entre outros. Ademais, participarán como relatores profesores da Universidade de Santiago, como o catedrático de Botánica Jesús Izco, o zoólogo Jesús Domínguez Conde e o historiador Victoriano Nodar. Completan o programa a restauradora Ana Laborde, da Fundación Barrié de la Maza e o arquitecto Manuel Chaín, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

Estas conferencias servirán para presentar a o público os contidos do plan director da Catedral de Santiago, así como coñecer exemplos similares de xestión e posta en valor de patrimonio artístico, como son os casos da Sagrada Familia de Barcelona ou a Catedral de Sevilla. Tamén haberá espazo para explicacións ao redor do proceso construtivo da Catedral de Santiago (con especial atención aos últimos descubrimentos en torno ao proceso construtivo da catedral románica) así como a fauna e a flora que teñen na Catedral compostelá o seu hábitat natural.

Exposición divulgativa
Unha vez rematado o ciclo de conferencias procederase a inaugurar no espazo románico do Salón Principal do Pazo de Xelmírez unha exposición divulgativa do Plan Director da Catedral, baixo o título A Catedral de Santiago, corazón de Compostela. A mostra está ideada como un conxunto de paneis explicativos nos que se detalla o traballo minucioso de redacción do Plan Diretor e do programa de obras de restauración que paulatinamente levaranse a cabo no conxunto catedralicio. A exposición repasa tamén toda a historia previa de investigación planimétrica da Catedral, dende os primeiros debuxos da Catedral, no século XVII, os planos do século XVIII e XIX e os traballos de Konant e Pons Sorolla, xa no século XX.

A exposición complétase cunha orixinal maqueta da Catedral, realizada a partir dos planos dos alzados das súas diferentes fachadas. Nesta maqueta indícanse os diferentes estilos artísticos e os arquitectos que traballaron na Catedral, e que lle deron o seu aspecto actual. En paralelo á maqueta, uns paneis explicativos detallan como se foi conformando a estrutura urbana da cidade de Santiago en paralelo ás transformacións da basílica xacobea.

O 800 Aniversario da Catedral de Santiago, efeméride que está a servir para poñer en marcha todo este proceso de restauración e conservación, tamén ten lugar no percorrido expositivo. Compre lembrar que este aniversario foi declarado polo Goberno de España evento de excepcional interese público que recoñece beneficios fiscais ás entidades patrocinadoras. Estas aportacións serán destinada a financiar obras de restauración na propia Catedral.

A Fundación Barrié de la Maza, que colabora en toda a iniciativa, participa na exposición cun material audiovisual que recrea de forma virtual o Pórtico da Gloria e recolle os sons dos instrumentos musicais nel representados. Trátase do mesmo audiovisual que este días exponse en Berlín.
Documentos relacionados

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal