Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
ALCALDÍA

O alcalde cre que o AVE "vai cambiar cualitativamente o turismo en Galicia"

Tramo ferroviario para a entrada do AVE en Santiago.
Ampliar Tramo ferroviario para a entrada do AVE en Santiago.


29/04/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, valorou en rolda de prensa a autorización do Ministerio de Fomento para a redacción do proxecto da futura estación do AVE. Confía en que o concurso se convoque na vindeira semana, co fin de que estea aberta a presentación de propostas ata a segunda quincena de xuño e, antes as mesmas, elixa a comisión avaliadora.

Sánchez Bugallo indicou que, unha vez se coñeza o proxecto de estación, será o momento para intentar avanzar "na reordenación do entorno e no encaixe das actividades no ámbito da estación", capítulo no que se inclúen os aproveitamentos lucrativos. Neste sentido, recordou a intención municipal de que a estación do AVE estea perfectamente interconectada coa futura estación de autobuses e integrada na propia cidade.

Tamén a propósito das comunicacións, neste caso co aeroporto, indicou que a aposta municipal a curto prazo é que a actual liña de autobuses se desdobre en dúas, de tal xeito que unha parte siga pola actual estrada vella coas súas respectivas paradas e a outra conecte a terminal coa estación ferroviaria a través da autovía. Xa a medio ou longo prazo, insistiu na necesidade dun tren ou metro lixeiro para conectar as dúas infraestruturas.

Apuntou en que o Concello segue a traballar coa previsión de que a estación do AVE poida estar lista en 2015. E sobre a chegada da alta velocidade, expresou o seu convencemento de que "o AVE vai cambiar cualitativamente o turismo en Galicia".

Calidade hoteleira
Seguindo co turismo, o alcalde amosou a súa satisfacción porque "Santiago sexa o destino turístico nacional máis valorado pola calidade dos seus hoteis". Así, recordou o esforzo realizado para a renovación, modernización e construción de novos hoteis. O resultado, máis de 7.000 camas e "unha oferta dunha calidade extraordinaria", dixo.

Sobre a ocupación hoteleira en Semana Santa, expresou "moderada satisfacción", xa que "deu carpetazo a un primeiro trimestre que dende o punto de vista turístico foi perfectamente olvidable". Afirmou que xa se agardaba unha baixada pola saída do Ano Santo, pero que "a perda das conexións de baixo custe fixo que uns datos malos foran aínda peores".

Listas de espera
Na súa rolda de prensa semanal, Sánchez Bugallo tamén se referiu aos datos das listas de espera hospitalarias do primeiro trimestre do ano. "O proceso de deterioro parece ser que está freado, pero seguen sendo cifras peores que hai dous anos", subliñou.

Neste tema da sanidade, engadiu, o Concello vai seguir "especialmente atento" a dous temas: a calidade da atención e o "carácter como centro hospitalario de referencia". A este respecto, afirmou que "asumimos que outros se coloquen á nosa altura, pero non a costa de relegar a Santiago".

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal