Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
ALCALDÍA

A Semana Santa consolídase como polo de atracción para turistas e veciños

Elisardo Temperán, Isolino Castiñeiras e Xosé A. Sánchez Bugallo na presentación do programa da Semana Santa.
Ampliar Elisardo Temperán, Isolino Castiñeiras e Xosé A. Sánchez Bugallo na presentación do programa da Semana Santa.


11/04/2011 As dezaseis procesións previstas, o Festival de Músicas Contemplativas e os eventos con motivo do 800 aniversario da Catedral de Santiago enchen de contidos unha nova edición da Semana Santa en Santiago de Compostela.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu á presentación en San Martiño Pinario da programación da Semana Santa 2011. Xunto a el, o presidente da Xunta de Confrarías, Isolino Castiñeiras, e o seu consiliario, Elisardo Temperán, deron conta do calendario de procesións e actos litúrxicos. O Concello colabora na edición dos programas de man.

As procesións comezarán o venres dos Dores, o 15 de abril, coa saída da procesión da Virxe das Dores, ás 21:00 horas, dende a igrexa de San Miguel dos Agros, a onde regresará realizado o percorrido. O domingo 17de marzo celebrarase nas igrexas da cidade o Domingo de Ramos, coa tradicional bendición das palmas e dos ramos. Ese día sairá e volverá a San Francisco, tras ir ata a praza do Obradoiro, a procesión da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén (11:00 horas). Esta mesma xornada terá lugar a procesión da Esperanza, a cargo da Irmandade dos Estudantes, con saída e chegada na Igrexa das Ánimas (18:00 horas).

O luns 18 partirá da igrexa de Santa María do Camiño, ás 21:30 horas, a procesión da Humildade. Xa o martes 19, ás 21:00 horas, sairá do convento das Mercedarias, para dirixirse á Catedral, a procesión do Cristo da Paciencia.

Mércores Santo
Este Mércores Santo, con motivo do 800 aniversario da consagración da Catedral, as confrarías únense ao evento celebrando o exercicio do Vía Crucis no templo compostelán. Ás 18:30 horas producirase o encontro na Sancristía, ás 19:30 horas a Eucarustía e ás 20:00 horas o Vía Crucis polas naves da Catedral.

Esta marcha ten a súa orixe na Confraría do Noso Pai Xesús Flaxelado, en colaboración coas confrarías de Noso Pai Xesús Nazareno e Santísima Virxe das Dolores e a do Santo Cristo da Unción e a Nosa Señora da Serenidade. Recuperada a procesión en 1988, as catorce estacións do Vía Crucis repártense polo percorrido e sinálanse por outras tantas cruces de madeira.

Para rematar a xornada, ás 23:00 horas, partirá das Orfas a procesión do Cristo da Misericordia. A responsabilidade da mesma corresponde á Confraría de Estudantes, que paseará con cruz de guía acompañada de nenos de gala e música de tambores e de capela.

Xoves e Venres Santo
A procesión da Última Cea do Salvador sairá un ano máis en Xoves Santo, organizada pola Confraría da Vera Cruz. Arrincará ás 19:30 horas e rematará na igrexa de San Francisco, encabezada por unha talla do escultor compostelán Sanmartín realizada en 1864. E pouco antes da media noite, ás 23:30 horas, dende a igrexa de Santo Agostiño, a procesión do Noso Pai Xesús Flaxelado percorrerá as rúas da zona histórica. Esta marcha ten carácter penitencial, con cruces e cadeas.

O Venres Santo iniciarase pola mañá, ás 11:00 horas, coa procesión do Santo Encontro, que partirá da praza da Quintana para chegar á igrexa de San Miguel dos Agros. Xa pola tarde (18:00 horas) sairá a Procesión da Quinta Angustia dende a igrexa do mesmo nome. Esta comitiva acostumaba a saír o luns de Pascua, sendo trasladada ao Venres Santo en 1968.

Tamén este día pasea a Procesión do Santo Enterro, con saída e chegada en San Domingos de Bonaval (20:00 horas). O Cristo Xacente e a Virxe dos Coitelos sobresaen entre os confrades vestidos de frac. A última procesión da xornada é a da Virxe da Soedade, que arrinca ás 23:00 horas na rúa Nova e remata na igrexa de Santa María Salomé. Ata os anos 30 a procesión saía o Domingo de Paixón. Durante moito tempo recibiu o nome popular de procesión de "Os Caladiños" e nela desfilaban tan só mulleres.

Sábado Santo e Domingo de Resurrección
O sábado 23 de abril, ás 20:00 horas, sairá do Colexio da Inmaculada a procesión dos Irmáns, da que se encarga a Confraría do Santo Cristo da Unción e Nosa Señora da Serenidade. Ademais destas dúas imaxes, 22 nenos portan a Cruz dos Infantes. E xa o Domingo de Pascua, o 24 de abril, ás 18:30 horas, a procesión do Santísimo Cristo Resucitado, con saída na Quintana para recollerse logo no convento de San Francisco.

Xá fóra da propia Semana Santa, o domingo 1 de maio, celebrarase a procesión do Cristo da Paciencia, que ten como punto de partida a Catedral e como meta a igrexa da Mercé de Conxo.

As procesións estarán acompañadas doutra serie de actos litúrxicos propios destas datas, moitos deles na Catedral compostelá. A bendición de palmas e ramos na Quintana, a Santa Misa Crismal, o Sacramento da Penitencia, a Santa Misa da Cea do Señor, a cerimonia do lavatorio de pés, o Sermón das Sete Palabras, o Vía Crucis, o Sermón da Soedade ou a Vixilia Pascual son algúns destes actos.

VI Festival de Músicas Contemplativas
Como complemento a esta programación relixiosa, diferentes igrexas de Santiago de Compostela acollerán a sexta edición do Festival de Músicas Contemplativas, unha iniciativa cultural creada e organizada polo Consorcio de Santiago e ligada ao patrimonio histórico da cidade: 13 concertos que terán como escenario igrexas emblemáticas do casco antigo e que conxugarán o binomio de cultura e patrimonio. Entre o 18 e o 23 de abril, as igrexas de San Agustín, Ánimas, San Francisco, Santa Clara, Orde Terceira, San Martiño Pinario e Universidade acollerán diferentes concertos de grupos instrumentais e solistas vogais procedentes de Europa, Asia e África, representantes de diferentes tradicións musicais.

Recuperación de retablos e funcionamento da carraca
Ademais do Festival de Músicas Contemplativas, o programa da conmemoración do 800 aniversario da Catedral inclúe dúas iniciativas máis esta Semana Santa. A primeira será a inauguración da restauración dos retablos da capela das Ánimas, o sábado 16 de abril. O conxunto recupera o seu esplendor orixinal tras catro anos de traballos.

Ademais, os días 21, 22 e 23 de abril poderase escoitar de novo o son da carraca da Catedral, grazas á réplica da primitiva construída polo Consorcio e colocada na torre norte da fachada do Obradoiro. A orixinal, restaurada, forma parte do museo do templo.

As carracas son instrumentos musicais de percusión que se facían soar nas celebracións de Semana Santa como símbolo de do pola morte de Cristo e que substitúen o son das campás. A campá representa a voz de Cristo, polo que a carraca empregábase no seu lugar nos días no que Cristo permanecía morto e, polo tanto, apagábase a súa voz.

Toda a información sobre a edición 2011 da Semana Santa está recollida nunha web creada para o ocasión por Turismo de Santiago: www.semanasantasantiago.com
Direccións relacionadas

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal