Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
FESTAS

Intenso programa lúdico e gastronómico nunha nova edición da Festa da Uña

Xosé Baqueiro, Mónica Rodríguez e Sandra Losada comentan o programa.
Ampliar Xosé Baqueiro, Mónica Rodríguez e Sandra Losada comentan o programa.


Rolda de prensa para presentar as actividades.
Ampliar Rolda de prensa para presentar as actividades.


06/04/2011 Os días 9, 10 e 11 de abril celebrarase no barrio de San Lázaro a tradicional Festa da Uña. Tampouco nesta edición faltarán a poxa polas uñas, a degustación das mesmas e variadas actividades festivas.

O concelleiro de Festas e Xuventude, Xosé Baqueiro, presentou o programa desta nova edición da Festa da Uña, acompañado por Mónica Rodríguez e Sandra Losada, da Asociación Cultural e de Festexos de San Lázaro, organizadora da celebración. O Concello colabora un ano máis con esta festa, que se celebra sempre o quinto domingo de Cuaresma. Este ano, ademais, será o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, o encargado de ler o pregón.

As actividades comezarán na xornada do sábado 9, cando as orquestras Océano e Alarma amenizarán a verbena nocturna. Xa ao día seguinte, a Charanga Mecánica animará as rúas pola mañá.

Ás 12:30 horas, San Lázaro sairá en procesión da capela para ir ata o campo da festa, a carón do estadio de San Lázaro, onde se celebrará unha misa. Logo o Santo volverá á ermida para recibir a bendición. Entón o alcalde pronunciará o pregón. A nota musical correrá a cargo do grupo folclórico Colexiata do Sar.

Será o momento de degustar as uñas a carón da propia igrexa. Os visitantes poderán comer unha ración que inclúe as uñas, chourizo, patacas e bertóns. Igualmente, non faltará o polbo e o churrasco.

Durante o día haberá misas ás 9:00, 10:00, 11:00, 12:00 e 19:00 horas. A sesión do mediodía e a da noite estará amenizada pola orquestra Fania.

Poxa
O luns 11 terá lugar, a partir das 11:30 horas, a tradicional poxa das uñas. Este acontecemento era no pasado unha ofrenda a San Lázaro. Na actualidade, o recadado na poxa serve para sufragar os gastos das misas e para manter a capela.

Nesta xornada tamén tocará a Banda Municipal de Música. Xa pola noite, actuación da orquestra Panorama. Tamén haberá oficio relixioso este día, ás 11:00 horas.

Un ano máis, o campo da festa situarase no aparcadoiro do estadio de San Lázaro. Alí estarán as orquestras, as atraccións e os postos de restauración.

Longa tradición
O concelleiro de Festas lembrou a longa tradición desta celebración, "da que non temos datos exactos, pero estímase que ten uns 200 anos". Aludiu aos milleiros de persoas que acudían a San Lázaro cando alí estaba a leprosería ou o hospitaliño e á tradición da ofrenda das uñas ou da cacheira do porco ao Santo.

O Concello implicouse no mantemento desta romaría, na que se participa activamente no barrio de San Lázaro. Así, restaurantes do lugar e mesmo doutras zonas de Santiago ofrecen este manxar nos seus menús durante estas datas, e tamén se converte nun prato habitual nas casas.

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal