Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
CULTURA

"Casus Belli+Refutación do Contexto", nova exposición no Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia.
Ampliar Auditorio de Galicia.


05/04/2011 Logo do peche da exposición Korda. Coñecido, Descoñecido, abre as súas portas unha nova mostra no Auditorio de Galicia. Baixo o nome de Casus Belli+Refutación do Contexto inaugúrase o mércores 6, ás 19:30 horas, na Sala Isaac Díaz Pardo. Na inauguración estarán presentes o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez; os dous comisarios da mostra, Alberto González-Alegre e Ángel Cerviño; e os prestadores e artistas que expoñen a súa obra.

Os comisarios Alberto González Alegre, crítico de arte, e Ángel Cerviño, artista, compoñen unha mostra que parte da premisa de que a arte só chega a cumprir o seu programa no momento da súa recepción, sendo o espectador o que se encarga de completala. É o espectador o que lle atribúe significados, entrando as obras nun proceso dinámico, unha suma de lecturas, un conflito que xamais se resolve.

Casus Belli pretende afirmar que toda obra de arte leva inscrita a vontade de rebater e cuestionar o seu contexto de recepción. Ao enfrontamento entre o espírito libertario da obra e as tentativas "domesticadoras" do contexto é ao que os comisarios denominan conflitos da recepción. Os conflitos obedecen a causas diferentes: causas externas como censura, trasego de influencias propio do sistema artístico, choque coas prescricións morais da época ou as propias estratexias de comunicación das obras.

A mostra presenta, segundo os comisarios, un exemplificador abano destes conflitos de recepción das obras de arte contemporáneo no noso entorno máis próximo. Impugnan tamén que as obras se superpoñan por temporadas e que se acepte como natural que cada serie supere e neutralice as anteriores, de aí que se fuxa dun percorrido historicista e que propoñan Casus Belli como un acto de resistencia, unha pausada relectura de obras realizadas, en boa parte, fai un bo número de temporadas. Un percorrido, o plantexado na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, que propón un novo encontro, non exento de dificultades, das obras cos seus espectadores.

Esta mostra producida polo Auditorio de Galicia, Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, foi posible grazas ao incondicional apoio e implicación no proxecto dos artistas e prestadores públicos e privados que coas súas cesións permiten que gocemos do que se agarda que sexa unha exposición de referencia. A mostra poderá visitarse todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e, como vén sendo habitual, poderán solicitarse visitas guiadas que se celebran de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas previa reserva no 981 574 152/3.

ARTISTAS: Jorge Barbi, Xosé Carlos Barros, Fernando Casás, Xavier Correa Corredoira, Marisa Fernández, Manolo Figueiras, Juan Loeck, Alain Magri, Rut Massó, Din Matamoro, Manuel Moldes, Marina Núñez, Simón Pacheco, Pelucas, Diego Santomé, Xoán Torres, Jesús Valmaseda, Proxecto Buraco e Proxecto Ocultacións.

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal