Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
Compartir:
MEDIO AMBIENTE

A alta demanda existente consolida o programa "Vive a Primavera!" con novas visitas guiadas aos parques da cidade

Elvira Cienfuegos presentou o programa de visitas.
Ampliar Elvira Cienfuegos presentou o programa de visitas.


04/04/2011 A Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel abre o prazo para inscribirse na cuarta edición do programa de divulgación e de educación ambiental Vive a Primavera!, que ten como obxectivo poñer en valor os espazos naturais de Compostela.

Estas actividades organizáronse inicialmente para atender as necesidades do alumnado dos centros de ensino, pero "coa gran demanda existente para realizar estas visitas guiadas polos parques da cidade, consolídase este programa aberto á cidadanía e así calquera grupo de persoas que o desexe poderá participar nesta actividade", sinalou a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, en rolda de prensa.

A edil presentou a nova oferta de roteiros e visitas guiadas que o Departamento de Parques e Xardíns da Concellería de Medio Ambiente pon a disposición dos centros educativos e do público en xeral. A concelleira lembrou que "o programa comezou iniciada a primavera de 2008 e, naquela ocasión, foron máis de 500 os nenos e nenas participantes, cifra que se duplicou en 2010, cando foron 1.138 os participantes, o que demostra a aceptación e fidelización á actividade".

Roteiros polo ríos Corgo e Sarela, a carballeira de Nemenzo, a área recreativa de Chaián, as hortas e o labirinto de Belvís, a Granxa do Xesto e a Selva Negra, ou o roteiro da Alameda ao Gaiás atravesando as Brañas do Sar son algunhas das propostas para coñecer flora, fauna e patrimonio de cada percorrido.

"Nesta edición queremos amplialo decididamente ás persoas adultas, á vista de que xa se estiveron a realizar durante o inverno algúns roteiros polos parques e espazos naturais", destacou, "e para gañar operatividade, nesta ocasión optamos por facer un calendario, susceptible de cambios para adaptarse ás demandas de espazos e horarios"

Procedemento de inscrición
Así, a concelleira afirmou que foi de interese "sistematizar a oferta e divulgala para facilitar a incorporación de máis sectores da poboación, non estritamente relacionados co medio ambiente, e ademais estabelecer un procedemento de inscrición fácil, común ás familias, aos amigos e aos centros educativos". Deste xeito, optouse por unha dobre vía: escrita e vía internet, a través da páxina web www.compostelaviva.org. As visitas, unha vez solicitadas, deberán ser confirmadas, axustando nese momento o horario e o punto de partida e de chegada.

Propóñense visitas interpretativas "que favorecen imaxinar como foi o espazo e como pode chegar a ser", sinalou Elvira Cienfuegos, e ofértanse tres días da semana, un deles en horario de tarde, aínda que hai posibilidade de celebrar algunha das saídas os sábados no caso de formarse un grupo, porque pode ser un horario máis favorable para moitas persoas.

Neste momento xa están reservadas oito visitas de centros educativos e algunhas foron realizadas durante o inverno. Os centros dispoñen dunha oferta adaptada, pensada en función da idade do alumnado, e na páxina web teñen información sobre cada unha das saídas propostas para a súa elección.

Divulgación ambiental
Estas visitas realízanse dende o Centro de Interpretación de Parques e Xardíns da Alameda, onde se facilita información complementaria sobre os puntos de interese natural da cidade. No mes de marzo, este centro recibiu máis de 300 visitas de persoas que se interesaron por distintos aspectos da cidade, ben procurando trípticos do itinerario verde e da Alameda ou ben solicitando información ambiental.

Este programa insírese na faceta divulgativa da Concellaría do Medio Ambiente, para facilitar o achegamento da cidadanía aos parques e aos espazos naturais, ben a través da instalación de paneis nos parques, de trípticos informativos, despregables como o do Río Sarela ou o Itinerario Verde Urbano e de publicacións como a colección de pequenos libros monográficos, o Libro Verde de Compostela ou o libro Patrimonio Natural das Cidades Patrimonio.

"Non se valora o que non se coñece, e parécenos moi valorable a diversidade de zonas naturais e parques con que conta Santiago", indicou a concelleira, engadino que "son espazos para o encontro interxeracional, para o paseo, para o exercicio físico, para coñecer a diversidade botánica, para gozar da natureza e dos cambios estacionais".

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal