EDUCACIÓN

Compostela ensaia o seu abrazo á Catedral

04/04/2011 Continúan os encontros previos ao gran acto de apoio ao 800 Aniversario da Catedral de Santiago: Compostela abraza a súa Catedral. Desta vez, na praza do Obradoiro, realizouse un ensaio previo in situ cun grupo de persoas pertencentes aos diferentes colectivos implicados nesta iniciativa de participación cidadá.

O sábado 9 de abril toda a sociedade compostelá está chamada a achegarse ata a Catedral de Santiago para rodeala nun simbólico abrazo como mostra de apoio ao seu 800º aniversario. O punto de encontro será a praza do Obradoiro, ás 12:00 horas, para que, en torno ás 13:00 horas, se forme a enorme cadea humana que rodee todo o perímetro da Catedral. O evento conta coa colaboración de Coca Cola.

Ademais, como preparación a este gran abrazo, nestes días, os escolares de Santiago dispoñen dun material didáctico que lles permitirá coñecer mellor e descubrir novos aspectos sobre a historia da Catedral, a orixe de Compostela e o Apóstolo Santiago.

Este ensaio contou coa participación, entre outros, da concelleira de Educación, Mercedes Rosón, quen expresou a súa seguridade en que "o acto do día 9 será un éxito de participación cidadá". Xa hai uns 600 participantes confirmados, pero agarda que aínda se sume máis xente a este "acto de afecto" cara a Catedral.

A concelleira deulle as grazas aos presentes no ensaio, entre os que se atopaban representantes de asociacións veciñais e culturais, de escolas ou das forzas de seguridade. Todos eles levan traballando durante semanas neste simbólico abrazo.

Compartir: