PLENO

A Corporación municipal dá o visto bo ao Plan Especial de Brañas do Sar

31/03/2011 O Pleno da Corporación, na súa sesión ordinaria de marzo, aprobou definitivamente o Plan Especial de Ordenación, Mellora Medioambiental e Acondicionamento de Brañas do Sar (PE-3R).

A aprobación do Plan Parcial das Brañas de Sar supón o impulso definitivo a este parque urbano, que será un grande espazo verde de conexión entre a Cidade da Cultura e o centro urbano de Compostela, pero tamén entre os barrios de Fontiñas, Sar e Pontepedriña, así como da área do Multiusos co Parque Eugenio Granell e coa futura estación intermodal. O único edificio que se construirá será o Centro de Ciencias do Patrimonio Cultural.

Foi o Consorcio de Santiago o encargado de redactar este Plan Especial e será o ente interadministrativo o que acometa as diversas actuacións previstas para a recuperación do Parque. Para iso, o propio Consorcio realizará as expropiacións precisas para adquirir a totalidade dos terreos. Quedan por incorporar uns 330.000 metros cadrados, xa que o Concello xa dispón de 127.000 en propiedade.

O Plan Especial contempla a regulación dos usos públicos do parque, como a creación de percorridos peonís e de servizo, así como o acondicionamento da vexetación e a preservación das características ambientais do contorno, con especial atención á preservación das canles públicas e a conservación das brañas e das áreas inundables. O Plan tamén valora o conxunto de elementos de interese arquitectónico, etnográfico e natural asociados á zona, tales como cómaros, pontellas, pontes e árbores de interese.

Compartir: