Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
Compartir:
CIDADE HISTÓRICA

A OCiHR loce unha nova placa comemorativa do Premio Cidades Patrimonio da Humanidade 2010

A concelleira descobre a placa.
Ampliar A concelleira descobre a placa.


25/03/2011 A concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, destapou a placa conmemorativa do Premio Cidades Patrimonio da Humanidade 2010, convocado polo Ministerio de Cultura, e que foi instalada na entrada da Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación.

A edil agradeceu "a todas as persoas que colaboraron e traballaron durante esta etapa na OCiHR" e quixo "compartir este premio con toda a veciñanza da zona vella de Compostela e con toda a cidade en xeral". Ademais, aproveitou o acto para facer balance da etapa, cualificando o traballo realizado como "unha intervención integral continuada, cunha filosofía e un modo de proceder na actuación arquitectónica e urbanística nos ámbitos históricos, mantendo, por unha banda o seu carácter monumental e, por outro, favorecendo a súa habitabilidade".

Neste sentido, a concelleira destacou precisamente que o galardón viña premiar a forma de traballo, a metodoloxía utilizada desde a Oficina e "iso é especialmente agradable". Así, o premio recoñece fundamentalmente trece intervencións de reurbanización e mellora urbana: rúa Raxoi; rRúa Trindade; entorno de San Frutuoso; rúa San Clemente; rúa Poza de Bar e Cruceiro do Gaio; campo e costa do Cruceiro do Gaio; campo das Hortas; calzada de San Pedro; rúa Belvís; miradoiro de Belvís; calzada de Santo Antonio; rúa Espírito Santo; e rúa Olvido e entorno. Trece ámbitos de actuación que Olga Pedreira localizou na xeografía compostelá a través dun mapa mapa na rede que indica a superficie e orzamento de cada intervención.

Melloras e novo convenio
A edil sinalou que "cando planificamos unha mellora nunha rúa ou praza da Cidade Histórica, sabemos que dende ese primeiro paso ata que a obra está rematada pasarán algo máis de dous anos de media, dos cales só seis meses son de obra". Isto quere dicir, engadiu, que "boa parte do traballo é unha labor administrativa, arqueolóxica e de reflexión e planificación. Estas trece obras non se poderían ter feito se non existise antes ese traballo planificado e de estudo previo, porque a Cidade Histórica, polas súas particulares condicións, non admite nin improvisacións, nin presas".

Pedreira deu conta tamén do convenio asinado coa Deputación da Coruña para redactar novos proxectos para a Cidade Histórica, "mantendo así a liña de traballo planificado que nos permita actuar axilmente cando se consigan os recursos para financiar estas obras. É un convenio que ascende a un total de 106.761 euros, dos que un 80 % serán achegados polo ente provincial, e grazas a eles redactaranse os proxectos para a zona de hortas nas Hortas, a rúa Carretas, o campo de Santo Antonio, o ámbito de San Roque e a zona de San Francisco".

Un traballo planificado
Pedreira lembrou que "as obras que agora podemos desfrutar foron planificadas dende mediados de 2008, nun momento no que todo parecía indicar que o nivel de investimento se iría ralentizando. Daquela, dende a Concellaría, decidiuse abrir un novo capítulo na forma de traballar e de planificar as obras e intervencións na Cidade Histórica. Ese traballo planificado puido executarse pouco despois, ao chegar o convenio coa antiga Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galica e, xa máis adiante, cos Fondos de Investimento Local. O feito de ter xa o traballo planificado cando chegaron eses fondos, permitiunos abordar ese enorme investimento de sete millóns de euros con garantías, rigorosidade e calidade".

A concelleira quixo agradecer a arquitectos, arqueólogos e demais técnicos que traballaron nas distintas obras o seu traballo e a súa dedicación, facendo unha mención especial tamén para os traballadores da Concellaría, dos que destacou "o esforzo e o cariño co que fan as cousas, sen que os atrancos que xorden en todos os procesos mine nunca o seu ánimo", así como para os veciños, que foron parte moi importante nas propias obras, xa que se mantivo un contacto constante con eles e "fixeron grandes achegas aos proxectos, aportando as súas propias reflexións e especificando as necesidades".

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal