Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
ALCALDÍA

A recuperación da Selva Negra, primeira experiencia en Galicia de substitución masiva de eucaliptos por árbores autóctonas

O alcalde e a concelleira percorrendo o parque.
Ampliar O alcalde e a concelleira percorrendo o parque.


Conversando sobre algún aspecto da intervención.
Ampliar Conversando sobre algún aspecto da intervención.


Noutra parque da Selva Negra.
Ampliar Noutra parque da Selva Negra.


Unha das fontes existentes no parque.
Ampliar Unha das fontes existentes no parque.


A presenza da auga é outra das notas características desta superficie.
Ampliar A presenza da auga é outra das notas características desta superficie.


Outra vista do parque.
Ampliar Outra vista do parque.


23/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, xunto coa concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, visitou a Selva Negra. Nesta gran superficie verde de 22 hectáreas, realizouse a substitución de especies invasivas, fundamentalmente acacias e eucaliptos, por árbores autóctonas.

Sánchez Bugallo indicou que a Selva Negra é "o parque máis singular e o que conserva máis árbores autóctonas dos tres que configuran o sistema de parques naturais do Monte Pedroso, xunto á Granxa do Xesto e o Pedroso, todos propiedade do Concello e que suman 70 hectáreas. Estas obras en concreto rematarán aproximadamente dentro dun mes e supuxeron un investimento de pouco máis de 400.000 euros.

A Selva Negra, con auga de fonte e auga de minas, é un exemplo claro de conxunción de árbores e auga. Situada na aba do Monte Pedroso, abrangue 22 hectáreas dunha valgada pública que pasou despois a mans privadas e que no ano 2007 foi adquirida polo Consorcio de Santiago por catro millóns de euros, enriquecendo o patrimonio natural da cidade.

Este gran parque natural constitúe unha zona natural de enorme potencial no camiño da recuperación dos bosques de frondosas autóctonas galegas, que contribuirá a enriquecer o patrimonio natural de Santiago. O espazo caracterízase pola existencia dunha carballeira de exemplares de gran porte que rodea unhas 2 hectáreas de prado en tránsito a mato; após da carballeira, unha masa de eucaliptos de alta densidade, entre os que os pequenos carballos pugnaban por sobrevivir.

A eliminación das acacias e dos eucaliptos potenciará o desenvolvemento dos carballos e a eles engadiranse outras frondosas (bidueiros, cerdeiras, capudres, érbedos, faias, castiñeiros, nogueiras..) ao tempo que se respectan as especies arbustivas xa presentes (acivros, loureiros, sanguiños, pereiras, estripeiros....). En resumo, trátase de conservar os prados, sanear a carballeira e ampliar a súa extensión substituíndo os eucaliptos e acacias por carballos e outras frondosas.

Os traballos abranguen a retirada dos eucaliptos e acacias e o tratamento das cepas para impedir o rebrote, a protección do solo para evitar a erosión mentres duran as intervencións, o tratamento selectivo do mato para potenciar as especies xa implantadas e, posteriormente, a implantación de novas frondosas, micorrizadas, co que se facilita o crecemento dos exemplares plantados e tamén a futura presenza de setas. Non obstante, consérvanse os camiños e sendeiros existentes porque a mellora ecolóxica do espazo non ten porqué interferir co seu uso respectuoso

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal