ALCALDÍA

Santiago expresa a súa solidariedade co pobo xaponés e a admiración pola súa fortaleza

18/03/2011 A praza do Obradoiro acolleu un acto no que a cidade de Santiago amosou a súa solidariedade co pobo xaponés, que está vivindo unha situación dramática. O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, ofreceu unhas palabras en representación da cidade, nas que destacou a "gran lección" que o pobo xaponés está ofrendo ante a adversidade e declarou a admiración pola súa valentía e fortaleza.

Tras un minuto de silencio, Megumi Schiozawa, unha xaponesa afincada en Santiago dende hai 18 anos, falou en representación da colonia nipona en Galicia, actualmente formada por 80 persoas, segundo datos da embaixada. Expresou o seu agradecemento polo "apoio de Galicia a Xapón" e destacou na distancia a "vontade e forza humana" do seu pobo.

O evento, organizado polo Concello de Santiago e apoiado a Asociación de Hostalería de Compostela, compleméntase cun concerto previsto para o sábado 26 de marzo ás 20.30 no Hostal dos Reis Católicos. O concerto está organizado e realizado pola pianista Haruna Takebe e a violinista Kiyoko Ohashi da Real Filharmonía de Galicia, xunto con amigas e amigos membros da Real Filharmonía de Galicia en colaboración coa Cruz Vermella de Santiago. A pianista falou da súa "impotencia" ante o sucedido no seu país e de aí a decisión de organizar este concerto.

As entradas terán un prezo simbólico de 15 € e estarán á venda dende o luns na sede de Cruz Vermella e en Galimusic. Ademais, habilitarase unha fila cero para quen queira colaborar (número de conta: 2091-0000-37-3040162319).

Finalmente, interveu unha estudante xaponesa, que xunto con outros cinco compañeiros, organizou unha campaña de doazón para as vítimas do terremoto en Xapón. Calquera interesado pode mandar a súa mensaxe ou pregunta á seguinte dirección: ayuda.para.japon.desde.santiago@
groups.facebook.com.

Galicia e Xapón son pobos distantes, pero que teñen puntos de unión. O Camiño de Santiago e o Kumano Kodo son as dúas únicas rutas de peregrinaxe declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Entre as cidades de Tanabe, punto neurálxico do Kumano Kodo, e Santiago de Compostela existe unha profunda amizade, ademais dunha colaboración estreita no desenvolvemento turístico internacional de ambas cidades.

Compartir: