ALCALDÍA

O alcalde reclama que para 2014 estean resoltas as conexións coa Cidade da Cultura

18/03/2011 Unha vez coñecida a decisión de pospoñer por tres anos as obras do edificio do Centro da Música e das Artes Escénicas da Cidade da Cultura, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reclamou á Xunta de Galicia que se aproveite este período para cando menos resolver as conexións do complexo do Gaiás coa cidade e coa AP-9.

"Nós podemos entender as razóns que motivan a decisión", afirmou Sánchez Bugallo a propósito da decisión de paralizar durante 2011, 2012 e 2013 as obras do Centro da Música e do edificio de Novas Tecnoloxías. "O que non pode ser é que para o 2014 todo estea igual e non estean resoltos os accesos coa cidade e coa AP-9, porque nese caso, eses tres anos serían tempo perdido", engadiu.

Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde tamén se referiu á recentemente presentada programación cultural do 800 aniversario da Consagración da Catedral. Destacou a "calidade e coherencia" do programa, feito público "só 75 días despois da entrada en vigor das bonificacións fiscais". Neste sentido, expresou a súa satisfacción polo importante número de empresas xa comprometidas e, en xeral, "polo traballo desenvolvido".

Finalmente, anunciou que o 28 de marzo, os xornalistas poderán visitar a nova terminal de Lavacolla. Tamén a propósito do aeroporto, indicou que se está á espera da resposta de Easyjet sobre a conexión con Roma. De cando se produza esta dependerá que se poida facer unha modificación orzamentaria para realizala ou se teña que deixar a mesma para despois das eleccións municipais.

Compartir: