Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
CONSORCIO

Unha simbólica aperta dará inicio aos actos do 800º Aniversario da Catedral de Santiago

Presentación do acto.
Ampliar Presentación do acto.


17/03/2011 O 9 de abril iniciaranse os actos conmemorativos do 800º aniversario da consagración da Catedral de Santiago cunha iniciativa emotiva, didáctica e participativa: Compostela abraza á súa Catedral, unha convocatoria a toda a cidadanía a achegarse ata a Catedral para circundala nunha simbólica aperta, análoga á que millóns de peregrinos dan ao Apóstolo no altar maior da basílica xacobea.

Este primeiro evento quere ser unha mostra de agarimo, recoñecemento e orgullo cara ao monumento máis emblemático de Compostela. Oitocentos anos despois da consagración da Catedral de Santiago invítase a celebralo cun grande acto de participación para conmemorar este aniversario. Compostela abraza a súa Catedral é una acto aberto a todos os habitantes de Santiago, Galicia, España e todo o mundo que dalgunha maneira queira mostrar o seu apoio ao un dos monumentos máis emblemáticos de Europa, prodixio de arte ata onde peregrinan milleiros de persoas todos os anos.

Os detalles deste acto foron presentados en rolda de prensa polo alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen, a propósito da Catedral, afirmou que "recoñecémola como emblema de Santiago, con respecto e admiración, pero queremos demostrarlle o noso cariño, que é algo vivo. De aí a iniciativa do abrazo, un abrazo dáselle a un irmán, a un fillo, a un amigo... e tamén de pequenos abrazábamos ao Apóstolo. Queremos estender ese abrazo".

Acompañaron ao alcalde nesta presentación o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; e o xerente do Departamento de Educación do Concello, Xosé Manuel Rodríguez-Abella.

Redes sociais
Ademais da posta en funcionamento dunha páxina web (www.catedralsantiago800.com), o Aniversario da Catedral ten páxinas oficiais nas redes sociais Facebook e Tuenti, dende onde animar á participación cidadá na grande aperta e informar do resto de actividades programadas para a celebración da conmemoración. (www.facebook.com/aniversariodelacatedral e www.tuenti.com/800aniversariocatedraldesantiago). A día de hoxe, xa son máis de 600 as persoas que xa seguen a través das redes sociais a información sobre a aperta á Catedral

A aperta á Catedral
As persoas que queiran participar na iniciativa xuntaranse na mañá do sábado 9 de abril na praza da Quintana. En torno ás 13:00 horas, unha persoa collerá coa súa man a outra e así sucesivamente, percorrendo o perímetro da Catedral como unha xigantesca onda, ata que a persoa que o iniciou quede unida por ambas mans. Calcúlase que fan falla 800 persoas para rodear á Catedral, un número que coincide co 800 Aniversario e, aproximadamente, co número de quilómetros do Camiño Francés, dende Roncesvalles ata Compostela.

Material didáctico
Complementariamente, os centros escolares de Santiago terán á súa disposición material didáctico elaborado polo Departamento de Educación do Concello. Así, os rapaces poderán traballar previamente nas aulas todo aquilo relacionado coa orixe da cidade de Compostela, a construción da Catedral e a súa consagración.

Na mañá do 9 de abril serán estes mesmos nenos algúns dos participantes na formación deste anel humano arredor da Catedral. Para o 9 de abril tamén está programada a inauguración da exposición Domus Iacobi, sobre a historia da Catedral de Santiago, e un concerto na propia Catedral a cargo da Real Filharmonía de Galicia e a Capela Compostelana, que interpretarán pezas compostas por José de Vaquedano e Melchor López, mestres de capela da Catedral de Santiago nos séculos XVII e XVIII.

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal