Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
CONSORCIO

A Catedral de Santiago conmemora o seu oitavo centenario cun amplo programa en torno á cultura e o patrimonio

Presentación do programa na propia Catedral.
Ampliar Presentación do programa na propia Catedral.


15/03/2011 O 21 de abril de 1211 o bispo Pedro Muñiz consagraba solemnemente a catedral románica dedicada ao Apóstolo Santiago. Hoxe, 800 anos despois, a conmemoración deste aniversario celébrase cun programa cultural e de rehabilitación que pon en valor a enorme riqueza do patrimonio histórico e artístico de Compostela e da súa Catedral, meta do Camiño de Santiago, auténtico eixo da evolución da cultura, a arte e o pensamento na Europa medieval.

O Consorcio de Santiago é o encargado de xestionar o programa da efeméride, que arrincará o próximo 9 de abril. O programa cultural da mesma foi presentado nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo; o conselleiro de Cultura, Roberto Varela; a subsecretaria do Ministerio de Economía e Facenda e vicepresidenta primeira do Consorcio, Juana María Lázaro; a subsecretaria do Ministerio de Cultura, Mercedes Elvira del Palacio; o deán-presidente do Cabildo da Catedral, José María Díaz; e o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva.

O oitavo centenario da Catedral de Santiago de Compostela é un evento recoñecido como de excepcional interese público polo Goberno de España. Neste sentido, encargouse á comisión de xestión do programa Oitavo Centenario da Consagración da Catedral de Santiago, que depende do Consello de Administración do Consorcio de Santiago, que lidere o programa de apoio ao evento. Este programa de apoio concrétase nunha serie e incentivos e bonificacións fiscais que se aplicarán ás empresas e entidades privadas que participen como patrocinadores no desenvolvemento da conmemoración, que xirará sobre dous eixes: o financiamento de obras de restauración contempladas no Plan Director da Catedral e unha programación cultural específica. Trátase polo tanto dun programa que aposta pola acción cultural no patrimonio.

No que se refire ao financiamento do programa, a día de hoxe, as estimacións permiten confirmar que o Programa 800 Aniversario da Catedral de Santiago contará con 8 millóns de euros, dos cales 5,5 millóns de euros serán destinados a obras de restauración na Catedral e 2,5 millóns de euros serán destinados ao financiamento da programación cultural. Xa manifestaron a súa intención de colaborar, como patrocinadores, Acciona, Novacaixagalicia, Gadisa, Jealsa Rianxeira, Vegalsa-Eroski, Avante, R, Transportes Mosquera, Diconsa e Froiz. Como colaboradores participan Paradores e Turismo de Santiago.

Cultura e patrimonio
O programa do 800º Aniversario da Catedral de Santiago responde ao binomio cultura-patrimonio, é dicir, acción cultural no patrimonio histórico, ao redor do legado que supón Compostela e a súa Catedral. Dende abril a decembro, na cidade de Santiago sucederanse ciclos e concertos de música, exposicións conmemorativas, congresos e ciclos de conferencias, novas tecnoloxías aplicadas ao patrimonio, actividades gastronómicas e cerimonias solemnes na catedral. A todas estas iniciativas súmase a posta en marcha do maior programa de conservación de patrimonio programado en relación á Catedral de Santiago.

Música
A música terá un protagonismo importante: continúan iniciativas xa consolidadas dende o Consorcio de Santiago, como o Festival de Músicas Contemplativas ou o Compostela Organum Festival, ás que se sumarán un Festival Internacional de Música Medieval e a edición de dous traballos discográficos, un sobre músicas do Códice Calixtino e outro sobre a obra do organista e mestre de capela da Catedral Melchor López. A Real Filharmonía de Galicia terá un papel especial, por exemplo, nos actos de apertura e clausura do Aniversario. Tamén a Filharmonía será quen interpretará á ópera O barbeiro de Sevilla, en escena no Auditorio de Galicia os días 28 e 30 de setembro. Por último, o Curso Universitario Internacional Música en Compostela chegará á súa edición número 54 cun programa atento á Catedral a súa música.

Exposicións
No que se refire ás exposicións, o Pazo de Fonseca acollerá, dende abril, Domus Iacobi, unha viaxe a través do tempo para comprender mellor as claves da historia e a arte da Catedral a partir das pezas máis singulares do seu patrimonio, algunhas presentes por vez primeira fóra das súas localizacións habituais e outras, procedentes de coleccións particulares, que volven por uns meses a Compostela.

Tamén sobre a Catedral xirará a exposición Cerimonial, festa e liturxia na Catedral de Santiago, dende agosto en San Martiño Pinario. Ademais, está previsto que en outubro abra as súas portas a nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago, que se está a construír no edificio do antigo Banco de España, na praza de Praterías. Para a súa inauguración, dende o Consorcio de Santiago ideouse unha mostra interactiva que, a través das últimas ferramentas informáticas e unha maqueta virtual, permitirá recrear a Compostela do século XIII. Esta exposición compartirá espazo cunha mostra fotográfica, Intramuros, e unha exposición conmemorativa dos 25 anos de Santiago de Compostela como Patrimonio da Humanidade. Ademais, en agosto, o Museo da Catedral reabrirá tras a súa remodelación, cun novo e actualizado percorrido museográfico

Espectáculo multimedia
As novas tecnoloxías aplicadas ao patrimonio serán protagonistas dun espectáculo multimedia na fachada do Obradoiro entre os días 26 e 30 de xullo. Coa técnica do video mapping, unha serie de proxeccións e recreacións virtuais e tridimensionais, reconstruirán os diferentes aspectos que a fachada principal da Catedral presentou ao longo dos séculos.

Congresos
Canto a congresos, dúas serán as citas máis importantes. En xuño, Santiago acollerá unha nova edición do LitVi, Congreso Internacional de Literatura de Viaxes, que nesta ocasión terá como tema central a Europa das Catedrais, que chegará da man de autores como Ken Follet (autor do best seller Os piares da Terra), Ildefonso Falcones ou Amin Maalouf, entre outros. Xa en xullo, as Leccións Xacobeas reflexionarán sobre as últimas investigacións sobre o Camiño, o fenómeno xacobeo, o culto ao Apóstolo e a Catedral de Santiago.

Gastronomía
No que se refire a gastronomía, están programadas dúas actividades, organizadas por Turismo de Santiago. En xullo organizarase unha nova edición do concurso Santiago (é)Tapas e en novembro unha novidosa iniciativa: o Compostela Restaurant Festival, que, durante 10 días, permitirá que a oferta gastronómica da cidade sexa accesible para todos. Os diferentes menús serán votados polo público e por un xurado profesional, con premios aos menús máis novidosos e aos de mellor calidade. Tamén se organizarán ceas temáticas, ceas a cegas, exhibición de coctelería acrobática e un ciclo de cine gastronómico.

Organizado pola Xunta de Galicia, o certame de música clásica Galicia Classics, terá tres citas especias co Aniversario da Catedral de Santiago: a soprano Elina Garanca cantará arias de ópera acompañada pola Real Filharmonía de Galicia; Mischa Maisky tocará en dúas sesións a integral de suites para violoncello de Bach.; e Daniel Baremboin dirixirá a Staatskapelle Berlin cun programa de Bruckner.

Inicio do programa o 9 de abril
Ao redor de 40 eventos e actividades están programados para os vindeiros meses en Compostela cun punto en común, a enorme riqueza patrimonial, histórica e artística da Catedral de Santiago. O programa do 800º Aniversario da Catedral de Santiago arrincará o 9 de abril con tres actividades: unha iniciativa didáctica e de participación cidadá que consistirá en rodear con persoas todo o perímetro da catedral nun simbólico abrazo e ao que está invitada toda a sociedade. En segundo lugar, procederase á inauguración da exposición Domus Iacobi e, por último, un concerto inauguración na basílica xacobea, a cargo da Real Filharmonía de Galicia e a Capela Compostelá, que interpretarán pezas de José de Vaquedano e Melchor López, ambos mestres de capela da Catedral durante os séculos XVII e XVIII.

O programa continúa na Semana Santa con dúas iniciativas de recuperación de patrimonio histórico: o funcionamento da carraca da Catedral e a inauguración da restauración dos retablos da Capela das Ánimas, que, tras catro anos de traballos, recuperaron o seu esplendor orixinal.

En maio terá lugar a conmemoración da consagración da Catedral. O 7 de maio, unha solemne cerimonia litúrxica rememorará o día en que Pedro Muñiz unxiu as doces cruces de consagración que aínda hoxe se poden ver en diferentes puntos das naves e da xirola da basílica do Apóstolo Santiago. Ademais, na xornada anterior celebraranse as solemnes vésperas. Tamén en maio será presentada a que será a publicación de referencia no que se refire á arte e á historia da Catedral de Santiago, que conterá unha colección de fotografías, as máis actualizadas sobre a basílica xacobea.

O Plan Director da Catedral de Santiago
No mes de xuño botará a andar a Oficina Técnica do Plan Director da Catedral de Santiago, conformada por un equipo de especialistas que van garantir a eficacia e o rigor no desenvolvemento dos proxectos de restauración e conservación na Catedral de Santiago, seguindo as directrices marcadas no seu Plan Director. O Plan Director da Catedral de Santiago, destinado a regular todas as obras a executar na conservación do conxunto arquitectónico da basílica xacobea, ten o seu inicio en 2005, cando a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Cabildo da Catedral asinan un convenio de colaboración. Tralas aprobacións preliminares o Plan foi aprobado finalmente polo Concello de Santiago o 27 de outubro de 2009. O plan establece un programa de actuación que contempla intervencións prioritarias, outras secundarias e actuacións de remate en fachadas, cubertas e torres, entre outras, por un importe total de 24 millóns de euros.

En paralelo, poñerase en marcha o plan de obras a realizar, que continúa as intervencións que a día de hoxe estanse a acometer na Torre do Reloxo, na fachada da Acibechería e na cuberta correspondente ao tramo do Pórtico da Gloria.
Direccións relacionadas

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal