Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
Compartir:
XUNTA DE GOBERNO

Visto bo á rehabilitación do antigo curtidoiro de Belvís como catalizador cultural

Imaxe do antigo curtidoiro.
Ampliar Imaxe do antigo curtidoiro.


15/03/2011 A Xunta de Goberno aprobou o proxecto e iniciou o expediente para contratar as obras de rehabilitación do edificio destinado a catalizador cultural no parque de Belvís, incluído no programa Urbana Santiago Norte. Tamén se procedeu a revisar os prezos do Servizo de Axuda ao Fogar e deuse o visto bo ás obras de consolidación de muros no palacete da Finca do Espiño.

O novo catalizador cultural do parque de Belvís é un dos proxectos que figura no Urbana Santiago Norte, cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O tipo de licitación é de 254.242 euros.

A partir da rehabilitación dos restos do antigo curtidoiro do parque de Belvís, construirase un espazo público con ludoteca e zona social, destinado ás actividades de ocio e cultura (exposicións culturais, talleres sobre arte, etc).

Tamén en Belvís, aprobáronse as bases que rexerán a adxudicación de 33 autorizacións de ocupación de postos nas terrazas de Belvís, co fin de exercer a actividade do mercado Entre lusco e fusco, que terá lugar nas tardes dos martes. Os espazos cédense a título de autorización demanial en precario e por un período máximo de dous anos.

A concelleira de Medio Ambiente presentou igualmente para a súa aprobación o proxecto e o inicio do expediente para contratar as obras de consolidación de muros no palacete situado na Finca do Espiño. O tipo de licitación é de 91.553 euros, gasto que se financia ao 100% con cargo ao convenio asinado co Consorcio da Cidade de Santiago.

Outro acordo destacado foi a adxudicación das obras de restauración do parque histórico de San Domingos de Bonaval, por 49.245 euros.

Igualdade
En materia de Igualdade, revisouse o prezo de adxudicación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar, de acordo co 85% das variacións experimentadas polo IPC no período comprendido entre decembro de 2009 e decembro de 2010, quedando do seguinte xeito:
- 12,31 euros/hora para os servizos prestados en xornada laboral de luns a sábado (máis IVE do 8% e do 4% de aplicación por Lei de Dependencia).
- 13,33 euros/hora para os servizos prestados en xornadas de domingo ou festivos (máis IVE do 8% e do 4% de aplicación por Lei de Dependencia).

O gasto máximo queda establecido en 700.059 euros.

Ademais, aprobáronse as bases e a convocatoria de subvencións para o fomento de actividades e do movemento asociativo de mulleres para o ano 2011. Destínanse 18.000 euros a estas axudas, que financiarán accións que favorezan o desenvolvemento integral da muller, promovan a súa participación activa en todos os eidos e contribúan a facer efectiva a igualdade entre mulleres e homes.

Centros Socioculturais
O Goberno local tamén aprobou as obras de acondicionamento térmico nos centros socioculturais de Lamascal e A Gracia, por un importe de 40.000 euros. E deuse o visto bo a un gasto de 28.500 euros para formación e dinamización dixital nos centros socioculturais durante o primeiro semestre de 2011.

Promoción Económica
No ámbito de Promoción Económica, adxudicouse o contrato do subministro de mobiliario e equipamento para o Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa (CERSIA). Destínanse 158.507 euros a este fin.

Cultura
A proposta da concelleira de Cultura, aprobáronse os convenios de colaboración cultural entre o Concello e o Ateneo de Santiago (1.750 euros), a Fundación Rosalía de Castro (4.250 euros) e a Asociación de Animación Sociocultural e Tempo Libre "Novo Circo e Cabaret Galega" (8.500 euros).

Alcaldía
Na sesión tamén se deu conta da encomenda da Alcaldía ao Consorcio de Santiago da redacción do Plan Director de Infraestruturas da Cidade Histórica. Como avance deste Plan, o Consorcio presentará antes de rematar o 2011 un programa de acción inmediata, que conterá elementos como os requirimentos das canalizacións dos distintos operadores, a programación do soterramento de servizos en zonas concretas ou un programa transitorio de incorporación de novos servizos e operadores no ámbito da Cidade Histórica, acompañado doutro de mellora do impacto visual dos tendidos aéreos existentes.

Cidade Histórica
Finalmente, acordouse iniciar o expediente de solicitude de subvención nominativa ao Ministerio de Cultura, por importe dun millón de euros, destinado ao programa de actuacións para o acondicionamento e valorización do castelo da Rocha Forte.
Documentos relacionados

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal