CULTURA

Mari Boine, a voz telúrica dos sami, no ciclo de concertos Sons da Diversidade

09/02/2011 A lapona Mari Boine, unha das voces máis comprometidas coa súa cultura, será a protagonista do cuarto concerto da tempada 2010-2011 do ciclo Sons da Diversidade, organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais. A cita será o sábado 12 de febreiro ás 21:00 horas. As entradas están á venda na web de Caixa Galicia e no despacho de billetes do Auditorio. O prezo é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas.

Mari Boine trae a Santiago o seu último disco de estudio, Sterna Paradisea, no que se rodeou dun grupo de músicos noruegueses e africanos. O resultado é unha música telúrica que nos achega ás paisaxes xeadas de Escandinavia atravesadas por sonoridades urbanas. A escritora Lucía Etxeberria expresaba na revista Rolling Stone o impacto que lle causou o directo de Mari Boine: "Por veces lembra ao flamenco, na fondura e no laio, nesa especie de dimensión rota e ferida da voz. O concerto foi impresionante, inesquecible, hipnótico".

Chega dende Laponia, onde naceu en 1956 e onde loita por conservar a cultura, a lingua e a música do pobo sami. O canto tradicional deste pobo, o joik, é a base da que parte a cantante para construír un repertorio no que o folclore do seu país se mestura con arranxos chegados do jazz e o rock. Eses son os vimbios dunha traxectoria que se espalla ao longo de nove álbums en 25 anos de carreira, dedicada a proxectar internacionalmente unha das expresións musicais máis singulares do mundo.

Nacida no seo dunha familia de pescadores moi devota, alí coñeceu os salmos cantados polos sami e os prexuízos relixiosos sobre a música. Creceu sentindo vergoña das súas raíces, o que máis tarde superaría e denunciaría coa súa música. Tras a súa participación nos festivais Womad, publicou Gula Gula en 1990, o que lle abriría as portas do mercado internacional. Á parte da súa propia discografía, colaborou co gran músico de jazz Jan Garbarek no disco Twelve Moon e participou nas gravacións doutros artistas noruegueses, ademais de compor música para obras de teatro, exposicións de arte e a película The Kautokeino Rebellion.

Cuarta cita da tempada
Sons da Diversidade é un ciclo de concertos que chega a súa oitava edición como unha referencia da programación cultural do país. Sons é unha vía de achegamento ás diferentes culturas do mundo a través da súa música. A tempada 2010-2011 abriuna Berrogüetto en novembro, seguido de Lokua Kanza. Abrindo o ano disfrutamos de Carmen Linares. Despois de Mari Boine pasarán polo escenario do Auditorio de Galicia Ana Moura, Hindi Zahra, Eleftheria Arvanitaki e Ana Belén e Rosa Torres-Pardo.

Compartir: