Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
CIDADE HISTÓRICA

Finalizan os obradoiros previos ao congreso "Compostela 2021. A cidade intuída"

Unha das sesións dos obradoiros.
Ampliar Unha das sesións dos obradoiros.


05/02/2011 Chegaron ao seu fin os obradoiros previos á celebración do congreso Compostela 2021. A Cidade Intuída, que está a ser organizado pola Concellaría da Cidade Histórica e Rehabilitación. O obxectivo do evento é facer unha reflexión sobre o espazo público, producir unha imaxe intuitiva, no horizonte temporal dunha década, para suxerir ideas que nos axuden a imaxinar como será a cidade nos próximos anos.

Este congreso non pretende unha representación virtual de proxectos xa previstos, senón realizar un exercicio de imaxinación, con bases rigorosas e técnicas, que permita aventurar e recrear posíbeis realidades deste futuro próximo, e ensaiar virtualmente os diferentes camiños que a cidade pode tomar, como reflexión previa para orientármonos nesa andadura.

Os obradoiros previos celebráronse na sede do COAG de Santiago e foron coordinados polo xefe de servizo da OCiHR, o arquitecto Javier Fernández Muñoz e o arquitecto, director da revista de arquitectura Tectónica, Carlos Quintáns Eiras. Nas sesións de traballo reflexionouse sobre o espazo público do patrimonio cultural dende unha perspectiva dividida en tres escalas, o territorio e o seu patrimonio cultural (ríos, camiños históricos e núcleos tradicionais), a cidade contemporánea na súa relación coa cidade histórica (Ensanche/Améndoa, Sarela/San Lourenzo, avenida de Lugo/Belvís), e a cidade histórica (Améndoa, Virxe da Cerca e San Roque).

Profesionais de recoñecido prestixio
Nos obradoiros ou talleres previos teñen traballado gran número de profesionais galegos: Cristina Ansede e Alberto Quintáns, RVR arquitectos, Oscar Andrés, Santiago Suárez e Jesús Conde, Creus e Carrasco, Cid e Santos, Crecente e Fuertes, Carlos Fernández García, Alfonso Salgado, Elizabeth Ábalo e Gonzalo Alonso, Escaleno Arquitectura, Carbajo e Barrios, e Juan Pinto Tasende. Tamén se contou coa presenza de recoñecidos profesionais do ámbito estatal como: Manolo Gallego Jorreto, Teresa Gali Izard, Emiliano Lopez, Juan Domingo Santos e Luis Martínez Santa-María, que achegaron a súa visión crítica no transcurso das catro sesións de traballo celebradas.

Xa no mes de marzo, os días 1, 2 e 3, realizarase un evento Teatro Principal, de portas abertas á cidadanía e a todo o público interesado. Neste congreso presentaranse as conclusións en formato audiovisual, facilitando posteriormente a súa publicación en soporte dixital a través da web ://www.acidadeintuida.org
. O evento será organizado pola Concellaría da Cidade Histórica e Rehabilitación e contará con financiamento da Deputación e coa colaboración do Consorcio de Santiago e do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal