Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
CONSORCIO

O Consorcio restaurará o relevo da Borriquiña en San Paio de Antealtares

Imaxe de detalle do conxunto escultórico.
Ampliar Imaxe de detalle do conxunto escultórico.


03/02/2011 O Consorcio de Santiago, no marco das súas políticas de recuperación do patrimonio histórico da cidade, vai iniciar o proceso de recuperación do espazo coñecido como Porta dos Carros, no ángulo surleste do mosteiro de San Paio de Antealtares, no que se atopa o retablo pétreo da Borriquiña, conxunto escultórico recoñecido e moi querido entre os veciños da Cidade Histórica.

A Borriquiña é o nome popular con que se coñece a este conxunto iconográfico, que representa o momento no que a Sagrada Familia foxe a Exipto, con María e o Neno sobre unha burra. Este novo proxecto de restauración promovido polo Consorcio de Santiago vén ser a continuación dunha primeira fase que permitiu recuperar en 2003 todo o lenzo leste do mesmo mosteiro, no que se atopan as portas de acceso ao mosteiro, na rúa de San Paio de Antealtares.

En concreto, esta nova actuación afecta ao corpo que alberga a Porta dos Carros, na praciña de Feixóo, conformada por una porta sobre a que se ergue un rexo torreón, deseñado por Fernando de Casas Novoa e executado por Lucas Ferro Caaveiro en torno a 1749. O relevo da Fuxida a Exipto, non obstante, é de autor descoñecido, aínda que algúns estudosos apuntan a Francisco de Lens ou Xosé Gambino como posibles artífices.

A redacción do proxecto correu a cargo do arquitecto Iago Seara e a xa ten licenza concedida polo Concello. Agora o Consorcio poñerá en marcha o proceso de contratación da obra, que contará cun orzamento de 97.577 euros, dos cales algo máis de 30.000 corresponden coa restauración do relevo da Borriquiña.

As actuacións inclúen diferentes traballos de mantemento e conservación, como o repaso da cuberta de tella, a reparación de encintados na cheminea así como labores de limpeza na fachada e nos pináculos da balaustrada. Tamén se traballará nas carpinterías das fiestras e procederase á desmontaxe e restauración das reixas das ventás.

Debido ao valor destas rexerías, que son as orixinais, e polo gran deterioro que presentan, os técnicos municipais solicitaron da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia un informe sobre o procedemento a seguir para a súa restauración e a conveniencia de realizar soldaduras ou de substituír o chumbo, tradicional material de recibido das reixas na sillería de pedra. A resolución de Patrimonio recomenda a realización de probas e estudos previos, para contrastar un máis eficiente procedemento de restauración. Neste sentido, o Consorcio de Santiago decidiu poñer en marcha unha serie de probas previas, nas que intervirán expertos ferreiros, que permitan determinar, coa asistencia dos técnicos da dirección xeral, cal é a mellor solución á hora de recuperar a rexería.

O relevo da Borriquiña
Co fin de asegurar a máxima calidade á hora de actuar sobre o relevo pétreo da Borriquiña, dende o Consorcio de Santiago encargouse un informe previo á restauradora Dorothea Heiden, no que se recollen especificacións técnicas e valoracións á hora de acometer a restauración. Heiden é a directora da recoñecida empresa de restauración Alfagía, responsable da recuperación integral dos retablos da Capela das Ánimas, baixo a dirección da tamén restauradora Ángeles Santiago.

O relevo pétreo da Fuxida a Exipto está formado polas figuras da Virxe, San Xosé, o Neno (ataviado co roupa propio dos recén nacidos no século XVII) a burra, unha palmeira e un grupo de anxos. O conxunto presenta deficiencias debidas ás inclemencias do tempo e apenas se percibe a súa policromía orixinal. A proposta de intervención implicará unha meticulosa intervención restauradora que permitirá consolidar todo o conxunto, limpar e recuperar os acabados e policromías orixinais para obter de nova a súa estética barroca.

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal