Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
CULTURA

Febreiro trae a música de Mari Boine e novidades nas artes escénicas

Socorro García Conde presentou a programación.
Ampliar Socorro García Conde presentou a programación.


31/01/2011 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou unha programación cultural do mes de febreiro na que destacan o espectáculo Razas, cuxa versión orixinal vén de triunfar en Broadway dirixida polo seu propio autor, o tamén guionista e director de cine David Mamet.

A adaptación de Razas que chega a Compostela está dirixida por Juan Carlos Rubio e protagonizada por Toni Cantó e Bernabé Rico. Forma parte do programa Teatro e Danza en Xira e terá lugar o sábado 19, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.

Tamén regresa SCQ Danza con Espérame despierto (Teatro Principal, 18 de febreiro) da compañía Mopa, que se autodefine na súa propia web como "Espectáculos de danza nos que o público non resopla". Ademais, presentarán na cidade os seus novos espectáculos Áncora Producións -Pisados, de Gustavo Pernas-, que estará no Principal os días 16 e 17; e Titziana Teatre, que representará Existus, escrita e dirixida por Diego Lorca e Pako Merino (27 e 28 de febreiro).

No eido musical a protagonista deste mes é Mari Boine, a representante máis internacional da cultura lapona e do seu ancestral xeito de cantar, o joik, que acompaña cunha música que mestura elementos tradicionais e jazz. Tal e como comentou a propia García Conde, "Boine é unha das propostas máis atractivas e novidosas da programación de Sons da Diversidade".

Ademais, neste mes haberá tres concertos dentro do programa de abono da Real Filharmonía de Galicia: o do día 10, dirixido por Frank Peter Zimmermann; o 17 por Antoni Ros Marbà; e o 24 a batuta estará na man de Helmuth Rilling.

E dende o 13 de febreiro, o Teatro Principal volve estar operativo logo dun breve período de obras e cunha importante mellora na súa confortabilidade. Polo tanto, os concertos dos domingos da Banda Municipal de Música volven ao seu escenario tradicional.

Programa didáctico
Outro dos pratos fortes neste mes é o programa didáctico, que inclúe a ópera A cincenta, de Rossini, nun espectáculo producido polo Gran Teatre del Liceu e adaptado especialmente para nenos e nenas. Ten lugar o martes 1 e mércores 2 de febreiro no Auditorio en dobre sesión: ás 10:00 e ás 12:00 horas. Tamén a Banda Municipal fará un programa especial para adolescentes en torno a Cine e música o xoves 10; e o trío acústico Son+D2 fará o propio interpretando cancións de Xoán Curiel en galego.

No apartado expositivo, continúa no Auditorio (ata o 27 de marzo) a mostra dedicada a Alberto Korda, e o 9 de febreiro inaugurarase na Zona "C" Carolina Caluori. Give me your picture..., comisariada por Basilisa Fiestras, e que permanecerá neste espazo ata o 24 de abril.

Ademais, no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche poderanse ver dúas mostras máis: 50 anos en carteis, de Mans Unidas (do 1 ao 14 de febreiro); e Compostela con outros ollos. Fotografías de Ana Rello (do 16 ao 28 de febreiro). Tamén regresa o Obradoiro do Espectador, un programa da Rede Municipal de Centros Socioculturais e o Grupo Chévere, un espazo didáctico onde, a través de profesionais, se poden coñecer diferentes propostas de arte escénica.

Por último, o programa Cinemas Dixitais trae aos centros socioculturais interesantes produtos audiovisuais galegos, como os documentais As Encrobas (día 9) ou A cidade perdida (día 19).

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal