Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
ALCALDÍA

O PMUS trazará antes do verán as medidas en prol dunha mobilidade sostible

Intervención do alcalde ante os representantes das asociacións veciñais.
Ampliar Intervención do alcalde ante os representantes das asociacións veciñais.


Algúns dos participantes no encontro celebrado en Cornes.
Ampliar Algúns dos participantes no encontro celebrado en Cornes.


Presentación do PMUS en rolda de prensa.
Ampliar Presentación do PMUS en rolda de prensa.


Con representantes das empresas de transporte, taxistas e clubes ciclistas.
Ampliar Con representantes das empresas de transporte, taxistas e clubes ciclistas.


19/01/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou en rolda de prensa o Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Santiago de Compostela (PMUS). Esta proxecto converterase na ferramenta mediante a cal o Concello poderá articular medidas encamiñadas a mellorar a calidade de vida dos cidadáns a través dun cambio nas condicións de transporte e mobilidade de Santiago e da súa área metropolitana.

Segundo Sánchez Bugallo, o PMUS quere "rexistrar e dar resposta ás demandas de mobilidade a través dos distintos sistemas de transporte". O obxectivo é que o Plan estea rematado antes do verán, co obxecto de que o Goberno saído das urnas nas eleccións municipais de maio poida traballar en base a este documento.

Sen entrar a valorar medidas concretas, que sairán dos resultados do PMUS, indicou que "calquera decisión que se tome de potenciar un sistema de transporte implicará penalizar outros". Neste sentido, considerou moi importantes as ferramentas informáticas coas que se vai traballar, que permitirán avaliar as consecuencias que para un transporte ou outro pode ter a aplicación de determinadas medidas. Puxo como exemplo disto a habilitación de carrís específicos para o transporte urbano.

En calquera caso, o alcalde recordou a aposta municipal por sistemas de transportes "acordes coas características da cidade, que proporcionen maior calidade de vida e sostibles no tempo". "Isto supón unha aposta polo transporte público e polos medios brandos de transporte, o que non implica exclusións respecto aos demais", aclarou.

José Mª Pérez Lozano, de Epypsa, a empresa encargada de elaborar o Plan, explicou as súas principais características. O PMUS comprende catro liñas de acción: transporte (vehículo privado, transporte público, modos brandos e aumento da seguridade viaria); urbanismo (espazos públicos, homoxeneización do territorio e integración da mobilidade nas políticas urbanísticas); socioeconómico (dereito á mobilidade, redución de gastos e saúde); e ambiental (consumo de enerxía e redución da contaminación).

Tres viaxes ao día
Contando coa participación de todos os axentes implicados, o PMUS consta de seis fases. As tres primeiras definiunas Pérez Lozano como "preparatorias e de captación de información". O Plan atópase agora na terceira fase, a cal, a partir dun diagnóstico da situación actual, creará un escenario cero da cidade para os vindeiros 15 ou 20 anos.

Estas fases de captación de información incluíron a realización de máis de 14.000 enquisas, entre domiciliarias, nos autobuses e en diversas ámbitos da cidade. Entre os datos recollidos, destacou que "a media de viaxes por persoa e día sitúase en 3, moi por riba da media do país".

O uso do transporte público supón unicamente un 11% respecto do total dos medios de trasporte utilizados, mentres que o vehículo privado supón o 53%. Destacou que, malia as características da cidade, a xente vai "pouco a pé" e indicou que o obxectivo desexable en canto ao uso do transporte público sería chegar a unha porcentaxe entre o 15% e o 20%".

Tamén en relación ao transporte público, subliñou a fidelidade dos usuarios, xa que o 43% dos mesmos utiliza este medio todos os días. E sobre o acceso aos autobuses urbanos, apuntou que máis do 90% fano a pé e unicamente un 2% despois de estacionar o seu vehículo particular.

A fase cuarta será a de establecemento de obxectivos e comezará nun mes e medio aproximadamente. O plan de actuacións fixarase na quinta fase, na que tamén se articularán indicadores de seguimento e un calendario e programa de investimentos. Na sexta e última fase presentaranse as conclusións.

Coa participación de todos
O Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Santiago de Compostela será explicado a todos os colectivos implicados, que poderán realizar as súas achegas. Nesta mesma xornada, o PMUS foi explicado aos representantes das empresas de transporte, taxistas e clubes ciclistas. Xa pola tarde, celebrouse na Casa das Asociacións de Cornes un encontro cos representantes de 80 asociacións veciñais.

Ademais, o PMUS conta coa súa páxina web, á que se pode acceder a través dun enlace na portada desta páxina web. Na mesma poderá seguirse a evolución das distintas fases do Plan e realizarse achegas, directamente ou a través das redes sociais Facebook e Twitter.

Este Plan ten un custe de 79.000 euros, dos que o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) aporta o 60% e o resto o propio Concello.
Direccións relacionadas

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal