Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
ALCALDÍA

A aventura dos "6 millóns de pasos" continúa

Juan Rivas e Andrés Fraga entréganlle a Xosé A. Sánchez Bugallo unha fotografía tomada o primeiro día da aventura.
Ampliar Juan Rivas e Andrés Fraga entréganlle a Xosé A. Sánchez Bugallo unha fotografía tomada o primeiro día da aventura.


Os expedicionarios conversan co alcalde; o conselleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro; e o responsable do Departamento de Educación e Xuventude, Xosé M. Rodríguez-Abella.
Ampliar Os expedicionarios conversan co alcalde; o conselleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro; e o responsable do Departamento de Educación e Xuventude, Xosé M. Rodríguez-Abella.


19/01/2011 Mes e medio despois da chegada ao Obradoiro, o proxecto 6 millóns de pasos continúa co traballo de difusión da experiencia a través de diferentes soportes. Os seus protagonistas, o alpinista Juan Rivas "Coru" e o fotógrafo Andrés Fraga, foron recibidos en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e polo concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro.

Sánchez Bugallo recibiu dos dous aventureiros unha fotografía do primeiro día desta singular travesía, o 30 de abril de 2010. Logo quedarían sete meses e once países europeos para percorrer os 6.000 quilómetros ou os seis millóns de pasos que separaban o cabo de Nordkapp, en Noruega, de Santiago de Compostela.

Agora, este camiño, que patrocinou o Concello, será obxecto dunha exposición de fotografías que se celebrará en Santiago e que os integrantes do grupo pretenden levar tamén a outras cidades españolas, e mesmo a algúns dos países que atravesaron durante a súa aventura.

As imaxes relatarán escenas cotiás da súa travesía, da súa convivencia, así como a diversidade paisaxística e cultural europea e as manifestacións do Camiño de Santiago que foron atopando no percorrido. Están tomadas tanto cunha cámara réflex profesional como cun móbil, de xeito que convivan instantáneas de gran calidade con fotografías que recollan doutro xeito máis espontáneo o día a día destes camiñantes. As fotografías editaranse igualmente nun libro a modo dun diario de viaxes.

Durante a súa andadura, Andrés Fraga e Juan Rivas tomaron imaxes en HD que agora utilizarán para un documental. Mías de 40 horas de vido que se resumirán nunha peza duns 90 minutos que esperan estrear no primeiro semestre de 2011. O obxectivo é ofrecelo a televisións e presentalo a diferentes festivais europeos.

A difusión desta iniciativa completarase con conferencias e coa participación en obradoiros que contribúan a compartir esta experiencia.

6 millóns de pasos ou unha aventura en directo

- 6.371 quilómetros a pé
- 1.854 horas camiñando
- 11 países
- 17 linguas
- 14 pares de botas
- 38.000 visitas á páxina web
- Flickr: 380 fotos, 81.513 visitas
- Facebook: 3.512 seguidores, 30.300 visitantes
- Twitter: 189 seguidores, 690 tweets
Direccións relacionadas

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal