Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
ALCALDÍA

O alcalde estima que a suspensión temporal das conexións internacionais de baixo custo suporá 30.000 viaxeiros mensuais menos

Sánchez Bugallo en rolda de prensa.
Ampliar Sánchez Bugallo en rolda de prensa.


07/01/2011 Na súa primeira rolda de prensa de 2011, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, expresou a súa preocupación polos efectos que para o turismo terá a supresión temporal a partir do 10 de xaneiro das conexións internacionais de baixo custo, "algo que sucede por primeira vez dende que se asinaran os convenios en 2005 os convenios coas liñas de baixo custo".

A interrupción temporal de Ryanair a partir do 10 de xaneiro "foi algo que non se dixo", indicou Sánchez Bugallo, quen recordou a previsión de que esta compañía volva a operar con voos internacionais en Lavacolla a partir do 28 de marzo. Non obstante, apuntou o alcalde, "a compañía ten reservados os slots, pero os billetes non están á venda; e isto quere dicir, probablemente, que os acordos non están aínda formalizados".

En calquera caso, apuntou a incidencia negativa que vai a ter esta supresión temporal "nun trimestre no que xa se prevía unha importante caída do turismo". Sánchez Bugallo estimou a diminución duns 30.000 visitantes mensuais en xaneiro, febreiro e marzo como consecuencia desta interrupción.

Expresou tamén o seu desexo de que "se resolva o das conexións con Italia". E, á vista de todos estes datos, afirmou que lle gustaría saber "os motivos da súa satisfacción dos que se mostraron satisfeitos" co reparto de voos para Lavacolla.

Ano de retos e referencias importantes
O alcalde comezou a súa intervención lembrando que o 2011 será un ano "cheo de retos e referencias importantes para Santiago. Entre as mesmas citou a inauguración das travesías e da Cidade da Cultura en xaneiro; a apertura da nova terminal de Lavacolla e do túnel do Hórreo en abril, así como a celebración do oitavo centenario da consagración da Catedral a partir do 21 do devandito mes; o remate en setembro do parque empresarial da Sionlla; ou a chegada do AVE en novembro.

Xa con vistas a 2012, apuntou que tamén en marzo e abril deste 2011 se adxudicarán as obras de ampliación da AP-9 e as obras dos novos polígonos industriais de Formarís e Costa Vella 3. Tampouco se esqueceu da celebración o 22 de maio das eleccións municipais, que definiu como "unha oportunidade para os cidadáns".

Zonas saturadas
A propósito doutro dos temas da semana, recordou que xa está en exposición pública no Boletín Oficial da Provincia o decreto de zonas saturadas de ruído, que aumenta de 10 a 16 as rúas declaradas como saturadas. Anunciou que manterá en breve unha xuntanza coas asociacións hostaleiras para coñecer o seu parecer e que, estudadas as alegacións que se presenten, a previsión é aprobar o decreto de forma definitiva ao longo do mes de febreiro.

Atentados
Sánchez Bugallo referiuse tamén aos últimos ataques a sedes socialistas dos últimos días, denunciando "a impunidade con que unha serie de grupos vén actuando na última década". Nese mesmo contexto situou os atentados contra as obras da Cidade da Cultura, do AVE ou das autovías a Brión e á Estrada, ou á sede de Caixa Galicia. Tras lamentar que "nalgún momento non se tomaron en serio" estes grupos, reclamou "resultados máis eficaces" nesta materia.

Apertura da Cidade da Cultura
A preguntas dos xornalistas, o alcalde volveu a expresar a súa queixa porque a Cidade da Cultura siga sen accesos, a poucos días da súa apertura parcial. "Ningún dos tres accesos contemplados –enlaces coa AP-9 e coa rotonda de Fontiñas e conexión coa cidade a través dun teleférico- está nin feito nin presupostado", subliñou. Deste xeito, afirmou, o único acceso co que nace o complexo é a través de Fontiñas, "o cal fora concibido coma un acceso secundario".

En particular, mostrou a súa preocupación pola falta de previsión respecto á conexión coa AP-9: "Se a conexión coa autopista non se planifica en paralelo coa duplicación da mesma, vexo moi difícil que se faga". De calquera modo, dixo confiar en que "a Xunta, que sabe das dimensións do problema, o resolva, porque é inexplicable que unha obra na que se investiron 300 millóns de euros non teña conexións".

Para acceder ao complexo do Gaiás, a Fundación da Cidade da Cultura está a ultimar con TUSSA un servizo de autobuses urbanos que será "provisional e que logo se fixará en función da demanda", apuntou.

Grupo de San Ignacio de Loyola
Sánchez Bugallo tamén se referiu a preocupación manifestada polos veciños do grupo de vivendas de San Ignacio de Loyola, coñecido popularmente como Banco do Pobre. Afirmou comprender a súa "impaciencia" e "intranquilidade", pero recordoulles que "mentres non se aprobe a expropiación, eles teñen garantido o pleno uso e disfrute das súas propiedades". Así, recordou que a día de hoxe nin sequera está encargado o proxecto de expropiación e que hai de prazo ata outubro de 2014 para materializar as previsións do Plan Especial do Campus, que prevé a ubicación deste lugar da nova Facultade de Medicina.

Sobre este tema ten previsto falar o alcalde co reitor da USC e co decano de Medicina, a fin de coñecer con que datas e previsións traballa a entidade académica respecto a este proxecto.

Cruceiro de Ramírez
Outra das cuestións formuladas polos xornalistas foi a reclamación dalgúns veciños das casas de Ramírez respecto á volta do cruceiro que agora está en Sar, a caron do instituto, tras a súa retirada da Praza Roxa cando se executaron as obras da mesma. O alcalde indicou que "non lle atopamos encaixe estético ao cruceiro na actual Praza Roxa, e agora está nun lugar digno e coidado".

Ademais, comentou, "os datos que temos é que o cruceiro é de titularidade municipal, pero se os veciños acreditan que é da súa propiedade poderían reclamalo, pero poñelo en todo caso nun lugar da súa propiedade"

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal