Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
Compartir:
FESTAS

Unha comitiva de sete carrozas, un tren de fantasía e Bob Esponja acompañarán aos Reis Magos na súa cabalgata por Santiago

Xosé Baqueiro repartiu a carta dos Reis Magos aos xornalistas.
Ampliar Xosé Baqueiro repartiu a carta dos Reis Magos aos xornalistas.


Rolda de prensa do concelleiro.
Ampliar Rolda de prensa do concelleiro.


03/01/2011 O concelleiro de Xuventude e Festas, Xosé Baqueiro, presentou en rolda de prensa a Cabalgata de Reis, que se celebrará, como é habitual, durante a tarde do mércores 5 de xaneiro.

Como acto previo á chegada das súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, o martes, 4 de xaneiro, o Carteiro Real, acompañado pola Banda de Cornetas e Tambores de Santiago, agardará a todos os nenos e nenas na carpa da Praza Roxa para escoitar as súas peticións e transmitirllas aos Reis Magos. Esta recepción será entre as 18:30 e as 20:30 horas.

O mércores 5 é o gran día para os máis pequenos. A Cabalgata de Reis, que cumpre a súa 43 edición, estará composta por sete carrozas, nas que participará unha comitiva de 200 figurantes, escoltados por tres escuadróns de heraldos a cabalo e outros 4 escuadróns de heraldos a pé. O Tren Real ten prevista a súa chegada ás 17:40 horas á Estación de Ferrocarril, de onde sairá ás 18:00 horas cara a zona vella.

A Cabalgata percorrerá dende a estación as seguintes rúas da cidade: Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, Rúa do Vilar, Xelmírez e Praza de Praterías, ata chegar ao Obradoiro, onde terá lugar un espectáculo de luz e son con fogos de artificio. Todo o percorrido contará coa animación da Banda de Cornetas e Tambores de Santiago e a banda portuguesa de Régua.

Encabezará a comitiva a carroza da Estrela cos Anxeliños, os Príncipes a pé, as carrozas dos tres Reis Magos, a carroza do Carteiro Real, carroza de agasallos e un tren de fantasía con música e animación e mascotas.

Bob Esponja no Obradoiro
Ás 19:00 horas, os Reis Magos serán recibidos polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a Corporación Municipal na praza do Obradoiro, e a continuación o Rei Melchor daralles a benvida a todos os pequenos presentes na praza. Acto seguido, os Reis Magos recibirán os nenos e nenas que o desexen e ás 19:30 horas comezará un espectáculo de Bob Esponja e os seus amigos na mesma praza do Obradoiro. "Estimamos que os Reis Magos recibirán a máis de 2.000 nenos no Pazo de Raxoi", apuntou Baqueiro. Durante todo o percorrido repartiranse 3.000 quilos de caramelos sen glute para os nenos e nenas.

A cabalgata conta cun orzamento de 89.398 euros, dos que 61.398 euros destinaranse a animación, figurantes e realización da cabalgata, e 28.000 a aluguer das carrozas.

COMITIVA DA CABALGATA 2011

- Banda de cornetas e tambores de Santiago
- Carroza ESTRELA REAL
- Príncipe e Princesa a pé
- Carroza de MELCHOR
- Escuadrón a cabalo e grupo de heraldos a pé
- Carroza de GASPAR
- Escuadrón a cabalo e grupo de heraldos a pé
- Carroza de BALTASAR
- 3 escuadróns de heraldos a pé
- Banda de cornetas e tambores de Régua (Portugal)
- Carroza do CARTEIRO REAL
- Tren de mascotas
- Furgonetas con caramelos

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal