Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
CULTURA

O Auditorio terá un orzamento de 3.278.000 euros en 2011, un 9,4% menos que en 2010

Socorro García Conde e Paulo Rodríguez.
Ampliar Socorro García Conde e Paulo Rodríguez.


20/12/2010 O Consello Reitor do Auditorio de Galicia aprobou os orzamentos da entidade para 2011, que contan cun total de 3.278.000 euros, o que supón unha redución do 9,4% con respecto ás cifras deste ano, que é derivada da diminución da transferencia nominativa do Concello de Santiago nun 15%, mentres que a achega do Consorcio non se alterou en relación ao exercicio anterior.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, debullaron en rolda de prensa as cifras de 2011 e as consecuencias que a redución implicará nas actividades culturais da cidade. Entre outras, García Conde afirmou que se reducirán un 15% as subvencións nominativas a entidades culturais.

Ademais, a concelleira recoñeceu que "vai ser imposible" abrir novos ciclos, e que "imos intentar que a redución sexa o menos dolorosa e gravosa posible" para a cidadanía e para o sector cultural. Os criterios a aplicar serán: manter os programas máis consolidados, "aínda que posiblemente haxa que reducir a súa intensidade", e os que afonden nas posibilidades de ampliar a oferta cultural da cidade. É dicir, que Compostela non quedará sen ningunha mostra dunha disciplina cultural concreta.

As cifras
Do total de 3.278.000 euros de orzamento, 615.000 euros proveñen -é unha previsión- da venda de entradas e do alugueiro de salas (destes, 360.000 euros proveñen do uso das instalacións que fai a Real Filharmonía). Neste punto, García Conde quixo salientar que o obxectivo das súas políticas culturais non é recadar diñeiro senón "facilitarlle á poboación o acceso á cultura".

Nas previsións de ingresos, o orzamento aprobado prevé a redución das achegas procedentes doutras institucións como a Deputación da Coruña ou a Xunta de Galicia. No último ano, dende a Xunta reduciron considerablementea a súa aportación, quedando o convenio do ano pasado en 90.000 euros. Ademais, neste caso tamén destacaron a aportación da Xunta aos festivais de cinema, Cineuropa e Curtocircuíto, que foi unicamente de 8.000 euros para os dous este ano 2010.

En canto ao gasto corrente o Capítulo I dos orzamentos (persoal) é de 917.000 euros. Diminúense 36.834 euros, por mor da redución do 5% de soldo aos empregados públicos dictada dende o Goberno estatal. E, finalmente auméntase nun 0,09%, uns 800 euros, por mor de trienios do persoal. O Capítulo II (bens correntes e servizos), que concentra o groso do gasto cultural, é o que sofre un maior descenso, e queda con 2.314.000 euros.

En canto aos gastos financeiros, hai un pequeno aumento por mor da nova normativa que obriga á Administración a pagar as facturas dos provedores nun máximo de dous meses. Isto fai que haxa que contratar unha póliza de crédito a curto prazo para facer fronte en prazo aos pagamentos. Esta póliza será en 2011 de 600.000 euros, 100.000 máis que en 2010.

A respecto disto, García Conde quixo salientar que "isto non significa que haxa problemas de crédito". "Nós sempre fomos axustando a actividade cultural ao orzamento de que dispuxemos", afirmou, "e consideramos que temos unha xestión modélica neste ámbito".

Preguntada polos xornalistas sobre a valoración da actividade cultural do Concello neste 2010, García Conde respondeu que "a pesar das reducións orzamentarias, consideramos que o nivel seguiu sendo moi alto, con máis e mellor actividade cultural que moitas outras cidades de maior tamaño", e que Santiago vai continuar sendo unha cidade con grande interese cultural.
Documentos relacionados

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal